Álvaro del Valle Quartet ilumina coa súa música moderna a praza do Teucro

Pontevedra
25 de xullo 2019

Este xoves 25, os concertos principais do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra trasládanse ao escenario da praza da Ferrería. A partir das 22.30 horas, o renovador Joey De Francesco ofrecerá o mellor do seu amplo repertorio

Concerto de Álvaro del Valle Quartet Diego Torrado

A praza do Teucro acollía durante a noite do 24 de xullo un recital do guitarrista de jazz e de música moderna Álvaro del Valle acompañado da súa agrupación. O músico madrileño é un investigador sobre a comunicación e a linguaxe musical, sempre interesado na produción de música electrónica de vangarda.

O concerto de Álvaro del Valle  Quartet congregou a numerosos afeccionados que puideron comprobar a calidade dos músicos galegos que acompañaban ao guitarrista como era o caso do  contrabajista de Vilagarcía Pablo Patiño; o batería vigués David Puime e o saxofonista de Redondela Fernando Sánchez.

Este xoves, o concerto principal trasládase ao escenario da praza da Ferrería. Alí, o renovador Joey De Francesco ofrecerá un concerto no que mostrará as súas habilidades co órgano Hammond  B-3 e coa trompeta. Este artista nado en Filadelfia tamén se caracteriza pola súa voz. 

Durante a súa traxectoria tocou con artistas da categoría de Miles Davis, Ray Charles,  Nancy Wilson, Van Morrison, Diana  Krall ou George  Benson. Este esperado concerto da programación do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra comezará ás 22.30 horas con entrada libre.