Alberto Gracia regresa a Pontevedra para inaugurar Novos Cinemas coa súa terceira película, 'La Parra'

Pontevedra
09 de decembro 2024
Actualizado: 10 de decembro

Ex alumno da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, está recoñecido como unha das voces máis destacadas do coñecido como novo cinema galego. A súa película abrirá a nova edición de Novos Cinemas

O director de cine Alberto Gracia Arin Sang urai - Film Lincoln Center

Xa está aquí a novena edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra. Levantará o pano este martes 10 de decembro. Farao coa exhibición de La Parra, a terceira longametraxe do director ferrolán Alberto Gracia.

O filme chega á cidade tras pasar por prestixiosos festivais internacionais como Rotterdam, BAFICI e Seminci, onde recibiu o Gran Premio da Sección Oficial Alquimias na súa 69ª edición. Recentemente, tamén foi galardoado cun dos premios do festival compostelán Cineuropa.

Alberto Gracia, ex alumno da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, está recoñecido como unha das voces máis destacadas do coñecido como novo cinema galego.

O seu traballo, marcado por un enfoque experimental e unha visión profundamente persoal, ten unha presenza habitual en festivais de clase A, o que o consolida como unha figura clave da cinematografía contemporánea a nivel internacional.

"Faime moita ilusión volver a Pontevedra, a cidade onde estudiei hai moitos anos, aínda que nunca obtiven o título, o que me fai mais gracia se cadra. Tamén máis ilusión", subliña o director, que mostrará a súa película a partir das 20:00 horas no Teatro Principal.

Fotograma da película "La Parra" de Alberto GraciaNovos Cinemas

Este será o seu primeiro contacto con Novos Cinemas, un festival do que o realizador destaca que "todo o que sexa axudar a que os novos creadores poidan ter un impulso, paréceme que é cousa boa para todos".

La Parra é unha película cun forte compoñente autobiográfico, pois recolle parte da historia persoal de Alberto Gracia e a súa volta a Ferrol. A través dela, desenvolve un retrato enigmático do marxinal, mergullándose nas complexidades e contrastes dun mundo pouco visibilizado.

A programación de Novos Cinemas comezará, sen embargo, unhas horas antes coa proxección das pezas do obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo realizado en colaboración coa Universidade de Vigo e impartido nesta ocasión polo cineasta Álvaro Gago.

As dez pezas poderán verse no Teatro Principal de Pontevedra ás 16:30 horas e son obra de Antón Rodríguez Vázquez, Fabiola Quintela Barba, Gala Rodríguez, Héctor Pousa Herbello, Lois Novas, Nel González, Pablo Martínez Romero, Rocío Campoy e Tristán Rodríguez de Cabo.