Aitor Rei: "O documental Frankenstein 04155 non vai dirixido ás vísceras do espectador, senón ao seu cerebro"

Pontevedra
07 de decembro 2015

Frankenstein 04155, o primeiro documental independente realizado sobre o accidente do Alvia de Santiago de Compostela, chega o venres 11 de decembro a Pontevedra. Ata o día 16 haberá unha sesión diaria ás 20.15 horas que permitirá dar voz ás vítimas e especialistas que consideran que os dous últimos anos estiveron cheos de mentiras e ocultacións sobre o que realmente ocorreu o 24 de xullo de 2013

Aitor Rei nunha sala dos cines Vialia de Pontevedra Mónica Patxot

-    Esperade, que vou ao coche para recoller unhas cousas. 

-    Ao coche? Non viñeches en tren?

-    Noooooon.

A resposta é rotunda e compleméntaa con xestos de negación coa cara e o dedo. Quedaramos con Aitor Rei, director do documental Frankenstein 04155, na estación de tren de Pontevedra uns días antes da estrea nos cinemas situados en Vialia e o primeiro encontro xa permite entrever o que significou para el a gravación. O tren Alvia modelo S730, o que descarrilou o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois deixando 80 falecidos -81 segundo os colectivos de vítimas- e 144 feridos, é coñecido no argot ferroviario como o 'Frankenstein' por estar construído en base a anacos doutro modelo e ese foi o nome elixido para o título do primeiro documental independente realizado sobre esta traxedia.

Producido por Boneca Lareta e financiado a través dunha campaña de crowdfunding promovida pola Plataforma Victimas Alvia 04155, chega o venres 11 de decembro a Pontevedra. Ata o día 16 haberá unha sesión diaria ás 20.15 horas que permitirá ao espectador descubrir que hai detrás da catástrofe ferroviaria máis grave da Democracia en España e dar voz non só ás vítimas senón aos especialistas que consideran que os dous últimos anos estiveron cheos de mentiras e ocultacións sobre o que realmente ocorreu na véspera do Día de Galicia máis negro. 

Entón, non vas en tren?

Noooon. Como vou montar nun tren que vai con exceso de peso? Non, non monto nun tren que vai con exceso de peso segundo a propia documentación de Renfe. Segundo o propio manual de condución, ese tren pesa 384 toneladas, pero cal é a nosa sorpresa que no propio tren vén rotulada a tara, 391 toneladas. E na propia documentación de Renfe, na DTT, documento técnico dos trens, dise que o tren S730, que ten a súa orixe no S130, non pode superar en 40 toneladas ao tren S130. Por iso non monto. E porque hai 81 mortos dentro do tren Alvia S730 e porque eses 15 trens seguen circulando en dirección a Galicia despois de ter 81 mortos e ninguén se pronuncia. 

É por reivindicación ou por medo persoal?

Eu medo non teño ningún. Non me monto en algo que non vai cumprindo as normativas e é un servizo público. Suponse que os servizos públicos teñen que velar pola seguridade dos pasaxeiros e neste caso creo que a seguridade dos cidadáns non é a prioridade, senón que se cadra a prioridade son os negocios. 

"O que trata de facer é ofrecer á xente unha serie de datos  e que saque as súas propias conclusións"

Dicides que tedes o respaldo de 12 enxeñeiros, que ademais non se coñecen enre si. Pódese dicir que este non é un documental de opinións ou de testemuños, senón de datos e de técnicos.

Si. A pedra angular deste documental é unha base técnica e unha investigación técnica. Iso tiñámolo clarísimo desde o primeiro momento. A dor das vítimas dáse por suposto. Unha nai que perdeu a un fillo, como Cristina que perdeu a Curro non vai levantar cabeza en toda a súa vida, nin o seu pai tampouco. 

Que se vai a atopar unha persoa que vaia ao cinema para ver Frankestein 01455?

Eu creo que un traballo rigoroso e honesto. Como dicía o outro día un parlamentario europeo, esta película transcende o propio accidente do tren de Santiago e reflicte unha sociedade e uns dirixentes, e cito palabras textuais deste parlamentario,  en estado de putrefacción e de podedumbre, sobre todo, moral. Hai unha podedumbre moral porque este é un país onde nunca se recoñece un erro. Levamos catro traxedias, o Yakolev 42, con 75 falecidos; o de Spanair, con 154; o metro de Valencia, con 43; e o tren Alvia, con 81, e a culpa sempre a ten o último eslavón da cadea, o factor humano, cando se supón que os mecanismos de seguridade están para evitar o factor humano.

Que en pleno século XXI nos digan que un accidente dun tren de alta velocidade que pode alcanzar velocidades de 300 quilómetros hora depende única e exclusivamente do maquinista considero que pode ser un insulto á intelixencia da sociedade e dos cidadáns. Móstranse como uns dirixentes paternalistas e aquí nunca se asume ningún tipo de responsabilidade. O que trata de facer este documental é ofrecer á xente unha serie de datos, unha investigación e que a xente saque as súas propias conclusións porque este documental non vai dirixido ás vísceras do espectador, senón que vai dirixido ao seu cerebro.

"Que en pleno século XXI nos digan que un accidente dun tren de alta velocidade depende exclusivamente do maquinista é un insulto á intelixencia"

Tanto é así que está baseado en datos que mesmo achegou datos novos ao sumario xudicial...

Si, de feito, o recurso de reforma que presenta o avogado da Plataforma de Vítimas está baseado en gran parte en Frankestein 04155. Trata de parar o peche da instrución do accidente porque non se entrou, entre outras cousas, no sobrepeso do tren. Suponse que tanto a Fiscalía como o xuíz tería que investiar este novo dato que se achega porque a documentación que nós achegamos é oficial de Renfe e de Talgo.  

Por que ese dato non aparece nos informes dos peritos xudiciais que hai no sumario?

Se cadra porque dos tres peritos xudiciais -hai outros tres de parte- só un, César Mariñas, era independente, foi por sorteo. Hai pouco publicou un medio que Carballeira -un dos enxeñeiros- copiou o informe da CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios), que está asinado polo director xeral de Renfe, Adif e Ineco, os tres pertencentes a empresas públicas saltándose a normativa europea que di que as comisións de investigación de accidentes ferroviarios deben ser independentes. Aquí pasa totalmente ao contrario. Pódese dicir que non é un informe independente. Ata copiou as erratas, fallos gramaticales, comas, erros...

A instrución xudicial pechouse en outubro co maquinista como único imputado. Por que crees que é?

Todos confiamos en que os xuíces de instrución sexan independentes, pero a Fiscalía depende do ministro de Xustiza e o ministro, Rafael Catalá, non esquezamos que era o secretario de Estado de Infraestruturas cando ocorreu o accidente. Como dicía unha vítima: "Confías na Xustiza? Teño as miñas dúbidas". Claro, é Luís, perdeu á súa filla Olguita con 27 anos e non levantou cabeza aínda.

A plataforma de vítimas falou desde o principio deste documental como o que ía contar o que ocorreu de verdade neste accidente. Por que tivo que ser un documental financiado por crowfunding o que conte a verdade?

Porque hai negocios. No sector ferroviario hai un gran negocio.

"O motor que move esta historia son 81 falecidos. O obxectivo é que non os aparten, como tentaron moito tempo"

Desde que se estreou en Valladolid e obtivo unha mención especial na Seminci, este documental non para de cultivar éxitos. É polo bo facer do director ou do equipo porque o tema xa o valía por si só?

Éxitos? non me gusta esa palabra, prefiro falar de recoñecementos. A Seminci concede un recoñecemento especial por, literalmente, "indagar con gran rigor nas causas do accidente do tren Alvia 04155. O cinema documental mostra aquí a súa capacidade para denunciar a fractura e o distanciamento entre a sociedade civil e as institucións". E no festival de Cineuropa foi a película máis votada. Estamos agradecidos porque cada vez que se fala del ou ten un recoñecemento faise que a memoria dos 81 falecidos siga viva e o recordo e a loita dos seus familiares, que se dignifique a esta xente que segue aí, dous anos sen parar e sen recursos, loitando contra todo o aparello do Estado. Esa é a base, despois, os recoñecementos que podamos levar ou non xa forman un aspecto secundario porque a historia transcende aos propios creadore. O motor que move esta historia son 81 falecidos. O obxectivo principal é telos presentes, que non os aparten e tiren cara a un lado, como tentaron moito tempo.

É un tema que agora vives moi de preto. Como chegaches a dirixir este documental? 

Eu pensaba irme con Iván Prado, de Pallasos sen Fronteiras, a Libia, pero alí subiu a tensión e non puidemos, así que un día estaba polas redes sociais e vin un post da plataforma de vítimas. Non era socio nin tiña ningunha relación, pero estiven a pensar un par de días e pensei que podía haber algo interesante. Mandeilles unha mensaxe e xa non ía insistir por respecto a estas persoas, pero contestoume ás dúas horas Óscar Nicolás -un dos socios- e púxome en contacto con Jesús Domínguez -presidente-. Falamos por teléfono e díxome unha frase antes de colgar, que oxalá lle puidese dar voz. Seguramente, se non me chega a dicir esa frase, eu non lle entrase ao documental, pero ese "Oxalá nos puideses dar voz", chegoume ao corazón.