O pianista vigués Iván Fernández será o protagonista do próximo concerto de 'Híbridas en Santa Clara', que se celebra na capela do convento. A cita está prevista para o venres 13 de maio a partir das 20.00 horas.
O músico interpretará ao piano obras de catro autores galegos: Xoán Montes, Andrés Gaos, Juan Durán e Rogelio Groba.
'Aires galegos' é o título do último álbum do intérprete e tamén deste recital no que se ofrecerá unha viaxe sonora por obras inspiradas na música tradicional de Galicia.
No programa figuran unha selección de Baladas Galegas, de Xoán Montes; as pezas 'Novos aires galegos' e 'Aires Galegos', de Andrés Gaos; a 'Fantasía sobre un tema popular' e tamén a 'Fantasía sobre O Galopín', obras de Juan Durán; ademais de 'Soatiña', peza de Rogelio Groba.
Segundo o músico esta selección forma parte dun conxunto de miniaturas inspiradas na música tradicional cheas de frescura e orixinalidade. Cada un destes autores ofrece a súa particular visión da música co costumismo de Gaos; o virtuosismo romántico de Durán; a reinterpretación musical de poemas, que ofrece Montes; e o vangardismo de Groba.
Iván Fernández ofrecerá unha interpretación rigorosa, froito dunha ampla traxectoria profesional, neste concerto con entrada libre ata completar a capacidade da capela do convento de Santa Clara, establecida en 155 persoas sentadas.