Agasallos para a rapazada que máis le en Caldas

Umia
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Manuel Fariña, tenente de alcalde en Caldas, entregaba este martes 2 de abril agasallos a cinco crianzas co gallo do Día do Libro Infantil e Xuvenil

Escolares de Caldas promocionan a lectura na Biblioteca Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis

Os escolares máis lectores do Concello de Caldas de Reis recibían un premio este martes con motivo do Día do Libro Infantil e Xuvenil.

Manuel Fariña, tenente de alcalde, entregaba varios premios a cinco escolares aos que se contabiliza o maior número de solicitudes de préstamo no seu rango de idade durante o ano 2023 na Biblioteca Municipal.

O concelleiro nacionalista entregaba un libro e un caderno, ademais dun diploma a este grupo de nenos e nenas para recoñecer o "amor pola lectura" desde o Concello de Caldas.

A intención deste acto é promover a lectura en idades temperás para que se converta nun hábito que se manteña ao longo de toda a vida.

O tenente de alcalde destacou o esforzo que o Concello está a realizar para aumentar o número de títulos e de publicacións de consulta e de préstamo na Biblioteca Municipal coa intención de potenciar todos os seus recursos.

Fariña fixo un chamamento á cidadanía de Caldas para que solicite o seu carné e, desta forma, ter acceso ao préstamo de numerosas obras ao mesmo tempo que se ten acceso gratuíto a actividades que se organizan desde a Biblioteca.