Os Afoutes do Canón de Pau presentan a III Foliada da Chan

Cerdedo-Cotobade
21 de novembro 2024
Actualizado: 18:48

Terá lugar no Centro Cultural Antonio Fraguas o 23 de novembro. Está aberta á participación de persoas e agrupacións que queiran compartir a súa interpretación da música tradicional galega e o baile

Os Afoutes do Canón de Pau A.C. Os Afoutes do Canón de Pau

A Asociación Cultural Afoutes do Canón de Pau organiza este sábado 23 de novembro a III Foliada da Chan.

Terá lugar a partir das 20 horas no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo.

Esta iniciativa musical e cultural está aberta á participación de todas aquelas persoas e agrupacións que queiran compartir a súa interpretación da música tradicional galega e o baile co público presente.

A organización ten previsto aderezar esta concentración de músicos tradicionais co reparto de petiscos así como unha gran chocolatada para recuperar folgos.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, felicitou aos membros da Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau por esta iniciativa dinamizadora do espazo rural.

Cubela animounos a seguir colaborando co Concello na divulgación, conservación e difusión da música e o baile tradicional galego, "sobre todo entre as novas xeracións" como xeito de afianzar  a cultura e o patrimonio inmaterial "como bens colectivos do noso pobo".