Adoptan medidas para facilitar o acompañamento das persoas con mobilidade reducida no Pazo da Cultura e no Principal

Pontevedra
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O espectáculo de danza contemporánea e flamenco 'Mariana' de La Phármaco, que terá lugar o venres 12 de abril ás 20.30 horas no Pazo da Cultura xa ten activa a venda de entradas cunha medida provisional que permite o acceso de tres
cadeiras de rodas con acompañante situado diante e unha cuarta que terá acompañante ao carón

'Mariana' será o primeiro espectáculo onde as persoas con mobilidade reducida poderán estar preto dos seus acompañantes Concello de Pontevedra

A petición de persoas con mobilidade reducida dunha solución para poder acudir acompañadas e sentarse próximos para ver espectáculos no Pazo da Cultura ou no Teatro Principal será atendida.

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez e o Servizo de Infraestruturas Culturais, responsable destes dous espazos, decidiron iniciar un estudo para reestruturar ou crear novas zonas para o público con estas necesidades.

Está previsto modificar a estrutura actual das butacas e o goberno local contempla que esta intervención se alongue durante uns meses.

De forma provisional, os espectáculos que activen a venda a partir de agora no Pazo da Cultura ofrecerán unha solución para estes casos. 

Permitirase o acceso de tres cadeiras de rodas con acompañante que se situará diante e unha cuarta praza coa persoa acompañante á beira. 

A medida iniciarase co espectáculo 'Mariana' de La Phàrmaco' do 12 de abril, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura. As entradas xa se atopan á venda en Ataquilla.

Este espectáculo é unha obra que combina o flamenco primitivo coa danza contemporánea.

Luz Arcas recreará de forma libre cos seus movementos a potencia animal mentres Bonela Fillo ofrece a voz, acompañada pola guitarra de Bonela Mozo; as palmas e zapateados de Carmen Riós; a corneta de Abraham Romero e a percusión de Carlos González.