Personalidades como os escritores e artistas Fina Casalderrey, David Otero e Baldomero Iglesias "Mero" acudirán este xoves 7 de abril, a partir das 20.00 horas, ao Pazo de Mugartegui onde se celebrará o acto homenaxe ao escritor Xosé Vázquez Pintor.
Durante este evento ao que tamén asistirá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amizades e familiares do escritor natural de Agolada presentarase o libro '75 apertas de buxo irmandadas para Pintor', unha obra publicada por Edicións Fervenza, na que figuran testemuños de 75 personalidades que conmemoran o 75 aniversario do autor de 'A memoria do boi', premio da Crítica de Narrativa galega no ano 2001.
No libro recóllense mostras de agarimo á figura do autor de amizades e veciños de Cangas, Melide, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Cuntis, A Estrada, Vigo, Bueu ou Moaña. Todos estes testemuños foron coordinados por Ángel Utrera, David Otero e Xoán Carlos Chillón.
O acto será aberto ao público e estará condicionado polas medidas sanitarias para manter distancias seguridade. Será obrigatorio o uso da máscara no interior do Pazo de Mugartegui.