Abertas as inscricións para participar nun orixinal recitado de versos a dúas voces

Pontevedra
15 de xaneiro 2024

O colectivo De vella bella e o Ateneo de Pontevedra convocan a I Mostra Poética "Versos a dúas voces", o primeiro evento destas características que se organiza na cidade, e para o que xa están abertas as inscricións para participar

Libro de poesía Mónica Patxot

O colectivo De vella bella e o Ateneo de Pontevedra convocan a I Mostra Poética "Versos a dúas voces", o primeiro evento destas características que se organiza na cidade.

Este acto desenvolverase no Museo de Pontevedra o próximo 20 de marzo, coincidindo coa semana na que se celebra o Día Mundial da Poesía.

Os organizadores invitan a participar nun recitado por parellas en galego ou portugués. Os recitados contarán, para aqueles que o desexen, con acompañamento musical. O acto abrirase e pecharase coa actuación dun grupo de música tradicional galega.

As bases para participar están publicadas no blog devellabella.com e nas redes sociais do colectivo.

BASES

  1. Poderán participar autores pontevedreses ou non, coa única condición de que os versos elixidos estean en galego ou portugués. Non haberá limitación por idade, aínda que dada a natureza do blog devellabella.com animamos especialmente os autores de +60.
  2. A mostra consistirá no recitado por parellas dun único poema ou fragmento, xa existente ou elaborado para a ocasión, e que deberá ser como mínimo da autoría dun dos participantes.
  3. O recitado poderá levar acompañamento musical (a propia organización encargarase de proporcionalo se así o desexan os/as autores/as), mais en calquera caso contarán cun tempo límite de dous minutos, que non deberá sobrepasarse dada a importancia que ten cara ao desenvolvemento do acto co fin de manter unha necesaria ecuanimidade na intervención de cada parella.
  4. Un mesmo poeta ou acompañante non poderá formar parte de máis de un recitado.
  5. O tema dos versos será libre, evitando, iso si, contidos inadecuados ou ferintes por insultos, vexacións, etc.. en cuxo caso serían rexeitados polas entidades convocantes.
  6. As persoas interesadas deberán inscribirse con anterioridade ao 15 de febreiro de 2024 no correo devellabella@gmail.com indicando no asunto: "Versos a dúas voces". No corpo da mensaxe debe figurar o nome e apelidos dos participantes (dos dous) e a súa procedencia. En arquivo á parte incluirase o texto elixido para a mostra e o título.
  7. A orde de actuación será a de inscrición.
  8. Os poemas serán publicados nun número especial da revista que publica o blog De vella a bella e na súa canle de youtube.