A Xunta incoará a declaración BIC do xacemento do Adro Vello nos vindeiros días

O Salnés
23 de xaneiro 2022

O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello, un importante ante xacemento arqueolóxico sito ao bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, que está fortemente vinculado á tradición xacobea  

Adro Vello O Grove Turismo Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello, un importante ante xacemento arqueolóxico sito ao bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, que está fortemente vinculado á tradición xacobea. Así o anunciou este domingo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita á igrexa parroquial e asistiu á presentación do libro Da gran historia da igrexa de San Vicente dos Groves.

Na súa intervención, o responsable autonómico de Cultura explicou que a Xunta xa conta coa avaliación dos órganos asesores sobre a consideración deste xacemento como ben sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia e, polo tanto, a pertinencia da súa declaración como Ben de Interese Cultural. 

"Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural implicados neste proceso xa completaron os trámites preceptivos e a documentación foi enviada para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia coa previsión de que se faga efectivo a partir do 8 de febreiro", sinalou antes de engadir que isto suporá "a súa protección inmediata ata a súa declaración definitiva".

Neste senso, Román Rodríguez eloxiou o compromiso da parroquia de San Vicente do Grove coa veciñanza e co patrimonio cultural, nomeadamente o do seu párroco Ventura Martínez. "Nestes esforzos é onde se aprecia o papel que xoga esta igrexa para as persoas que viven na vila brindándolles seguridade e apoio", afirmou o conselleiro.

"Non se pode escribir a historia deste concello sen relatar a influencia decisiva que tivo na configuración do Grove, tal e como o coñecemos hoxe en día, este templo que, tras máis de 250 anos de historia, segue a ser catalizador de toda a vila e un punto de encontro", incidiu Román Rodríguez. Así, referiuse á igrexa como un dos máis estimados bens patrimoniais da vila que debe ser preservado polo seu gran valor arquitectónico, espiritual, social e cultural.

O apoio do Goberno galego a esta igrexa reflíctese nas obras de traslado e restauración do Hórreo e da Eira do Mallar, dentro da propia horta da Reitoral. Trátase dunha actuación que conta cun investimento de 27.000 euros e que permitirá unir os cemiterios de cara a unha maior humanización.

Por último, o titular de Cultura tamén agradeceu aos autores do libro o seu labor para trazar "unha cronoloxía vital e espiritual" da importancia a igrexa parroquial de San Vicente dos Groves poñendo en valor a súa realidade inmediata e histórica.