A "Xeración Nós" volve a Pontevedra para poñer en valor o papel das súas autoras

Pontevedra
30 de outubro 2020

A xeración da Revista Nós volveu a Pontevedra. Foi grazas a unha particular "viaxe no tempo" que converteu o salón de plenos da Deputación de Pontevedra nun particular Café Méndez Núñez do século XXI e coa que volveron a vida os autores da época

Acto sobre a "Xeración Nós" na Deputación

A xeración da Revista Nós volveu a Pontevedra. Foi grazas a unha particular "viaxe no tempo" que converteu o salón de plenos da Deputación de Pontevedra nun particular Café Méndez Núñez do século XXI e coa que volveron a vida os autores da época.

O encontro serviu para celebrar o centenario da emblemática publicación cuxa creación tivo a súa orixe en Pontevedra. 

Teatro, arte e conversa xuntáronse para poñer en valor o papel das mulleres daquela xeración, que marcou un punto de inflexión na historia cultural galega pero que non tivo o mesmo recoñecemento para as creadoras.

De feito, só tres autoras, a lingüista alemá Margot Sponer, a profesora irlandesa Annie MacSwiney e a poeta Francisca Herrera figuran na proxección da revista, cando foron moitas as mulleres que contribuíron con talento e activismo a aquela xeración.

O acto comezou coa visita teatralizada dos Quinquilláns, que cun "flashback" radical deron vida a figuras clave da xeración Nós como Vicente Risco (Josito Porto), Ramón Cabanillas (Lucho Penabade), Antón Losada (Víctor Mosqueira), Alfonso Castelao (Dane García) e Margot Sponer (Tero Rodríguez).

Os cinco mantiveron unha deliciosa conversa sobre o xerme da Revista Nós e as anécdotas da súa relación. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, exerceu de anfitrioa recibindo na escalinata do Pazo ás personalidades de "Nós", caracterizadas cos traxes da época, que lembraron como tamén viviron a pandemia da gripe e desexaron saúde e forza á cidadanía. 

Silva destacou que a revolución cultural actualmente "ten nome de muller", que ocupan espazos "orgullosas e empoderadas" e sinalou que estes actos serven para "darnos conta das moitas cousas que temos, da nosa historia e dunha lingua poderosísima coa que transmitir o pensamento dun pobo único que estando no noroeste quere ser universal".

Na súa intervención, a presidenta asegurou que "a historia cambia cando a cultura se sitúa no centro", como ocorreu coa Xeración Nós en 1920 e engadiu que "ao lado deste mundo onde ruído ou o cretinismo parecen ocupar espazos, aquí está a ocorrer algo extraordinario, de novo hai un enorme pulo cultural en todos os eidos".

"Nesta Deputación do Tempo vos reivindicamos a todas e a todos, pero particularmente a aquelas de 1920 e ás mulleres da nova revolución cultural que quere ser o pulo dun cambio para unha sociedade mellor, coa cultura no centro e coa política como instrumento que o permita", concluíu.

Na conversa da xeración do presente 2020, xunto con Silva, participaron a tradutora e feminista María Reimóndez, o ilustrador Kiko da Silva, o catedrático de Lingua Galega Afonso Vázquez, a xornalista Susana Pedreira, a produtora audiovisual Chelo Loureiro e o historiador e crítico de arte Miguel Fernández Cid, que compararon a revolución cultural que implicou a xeración Nós co papel que está a desenvolver hoxe a cultura en Galicia.

O debate xirou sobre do cambio "transcendental aínda que non suficiente" do protagonismo das mulleres na cultura, e abordáronse as similitudes da actual xeración da cultura galega coa de Nós ao tratarse de etapas de crise económica e ruptura e cambio. Tamén subliñaron o papel fundamental que está a ter a cultura neste momento crítico para a sociedade e amosaron o seu punto de vista sobre o tratamento que está a recibir o sector nesta pandemia, fronte a outras áreas como a economía ou a educación. 

Amais, o debate xirou sobre a existencia dunha nova revolución cultural como a que se produciu en 1920, e puxo enriba da mesa as perspectivas do futuro que agarda ás novas xeracións culturais a raíz do actual contexto da covid-19.

Para concluír, as persoas relatoras reflexionaron sobre a vixencia do pensamento, acción e creación da Xeración Nós, de xeito especial nos actuais proxectos culturais de carácter internacional que seguen a ter presente a identidade da cultura galega coa terra e a lingua, tal e como era a premisa deste grupo de intelectuais.

O evento contou con dúas artistas de Belas Artes, Nuria Ferreiro e Lara Cores, que renderon homenaxe á Xeración Nós desde a arte contemporánea pintando obras en vivo e en directo.