Os Domingos do Principal regresan este outono e finalmente poderán facelo no seu escenario habitual, o Teatro Principal, que reabriu as súas portas en setembro.
Monicreques, teatro de actor ou danza de Galicia, Andalucía, Euskadi e Cataluña formarán parte dunha programación que abordará temas actuais como a transexualidade, a interculturalidade ou a realidade dos menores emigrantes non acompañados (os coñecidos como MENA).
O ciclo terá sesión matinal ás 12:00 horas e de tarde ás 18.30 e tamén 3 pases concertados con escolares entre o 2 de outubro e o 20 de novembro.
O público interesado pode mercar anticipadamente en Ataquilla.comabonos para todo o ciclo a un prezo de 19 euros+ gastos ou entradas soltas para os espectáculos, a un prezo único de 4 euros+ gastos.
A programación abrirá o 2 de octubre con ‘Cris, pequeña valiente’ de El Espejo Negro (Andalucía). Conta a historia de Cristina, unha nena trans que "loita polo seu dereito a ser a persoa que é e sente".
Esta obra de teatro de actor e monicreques está recomendada a partir de 6 anos e chega a Pontevedra despois de gañar o Premio MAX 2022 a mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou para público familiar e o Premio FETÉN 2021 ao mellor espectáculo.
O domingo 9 de outubro será a quenda de ‘As pitas baixo a choiva’ de Teatro dos Ghazafelhos (Galicia), que conta a historia de Ludivina e Tereija, dúas pitas que viven no curral da Barreira. Están agardando a visita de Ricardiño, o neno que ven ás veces xogar con elas, pero que, cando chove, tolea e perségueas ata pechalas no curral.
Trátase dunha adaptación do conto de Ricardo Carvalho Calero As pitas baixo a choiva. É unha obra de teatro de actor recomendada a partir de 5 anos.
O domingo 16 representarase ‘A cazola de Lola’ de Tanxarina (Galicia), que conta a historia de Lola, que sempre arrastra un cazo atrás dela. Por causa deste cazo, Lola xa non é de todo coma os demais, precisa de moito agarimo, é moi sensible e ten un gran sentido artístico. A miúdo as persoas só ven nela ese cazo que arrastra por todas partes. E atópano raro... Ademais, o seu cazo complícalle a vida.
É unha representación de teatro de obxectos recomendada a partir de 5 anos.
O domingo 23 de outubro a obra será ‘Camiño de historias’ de Migallas Teatro (Galicia), un espectáculo constituído por tres historias de tradición oral procedentes de diversos países de fala portuguesa que abordan dunha maneira amena e divertida cuestións como a interculturalidade e os dereitos humanos.
Nesta quenda, trátase dunha peza de teatro de actor e monicreques para todos os públicos.
O domingo 30 de outubro tócalle a ‘Soy una nuez’ de Zum Zum Teatre (Catalunya). A avogada Marinetti é unha muller implacábel e amargada que ten denunciado a case todos os veciños. A súa vida cambia o día en que Omar, un neno refuxiado, cae dunha póla da súa nogueira. O neno transforma a súa vida por completo.
Esta peza de teatro de actor recomendada a partir de 6 anos e público adulto gañou o Premio FETEN 2021 a mellor dirección para Ramón Molíns e tamén á interpretación coral.
O domingo 6 de novembro será a quenda de ‘ELA’ de Caramuxo Teatro (Galicia), que crea un mundo fantástico a través das cores, a arte e o universo creativo da pintora Maruxa Mallo.
É un espectáculo de teatro e danza recomendado a partir de 4 anos e público adulto.
O domingo 13 de novembro representarase ‘Tarzán en el diván’ de Mar Mar Teatro (Euskadi), que conta unha historia que comeza cando alguén abre as gaiolas dos animais do zoo e andan libres. O sospeitoso é levado á consulta do Dr Angelotti, un coñecido psicólogo arxentino e na súa terapia repasarán os principais episodios da vida de Tarzán.
Esta obra de teatro de actor está recomendada a partir de 6 anos e público adulto.
O ciclo rematará o domingo 20 de novembro con 'Las Cotton' de Anita Maravillas e Portal 71 (Euskadi), un espectáculo inspirado nas loitas obreiras das mulleres na industria téxtil de comezos do século XX en plena revolución industrial.
Trátase dun espectáculo de teatro de monicreques recomendado a partir de 5 anos e público adulto que levou o Premio FETEN 2021 ao mellor espectáculo de títeres.