A terceira edición do "Troita Folk" animará a Festa da Troita en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
15 de maio 2024

Catro agrupacións de música tradicional participarán na terceira edición do "Troita Folk", que se celebrará os días 25 e 26 de maio en Ponte Caldelas, no marco da Festa da Troita, a festa gastronómica máis emblemática do municipio

Presentación da terceira edición do "Troita Folk" Concello de Ponte Caldelas

Catro agrupacións de música tradicional participarán na terceira edición do "Troita Folk", que se celebrará os días 25 e 26 de maio en Ponte Caldelas, no marco da Festa da Troita, a festa gastronómica máis emblemática do municipio.

O certame, impulsado por Os Coribantes en colaboración co Concello, comezará sobre as oito da tarde do sábado 25 de maio.

Farao coas actuacións que ofrecerán o grupo de baile AC Xiada da Pobra do Caramiñal (A Coruña) e o grupo de baile anfitrión, Os Coribantes de Ponte Caldelas.

Xa o domingo 26 de maio, ás sete da tarde, será a quenda dos cantos de taberna da agrupación Cantanascroas de Salcedo e de Madialeva, chegados desde Meis.

Todo este festival ten carácter gratuíto e busca divulgar a música tradicional galega no municipio, aproveitando estas datas festivas.