A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, participaban este mércores na presentación da Semana Cultural de Combarro, que organiza o Ateneo Corredoira, coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra, e que neste 2022 chega ao seu 40 aniversario.
Patricia Pérez, presidenta do colectivo manifestaba que apostan por ofrecer un amplo número de propostas ata o domingo 21. A apertura será este venres 12 a partir das 21.00 horas coa lectura do pregón, a cargo de Loli Castiñeira Casal, veciña de Combarro. Izaranse as bandeiras e interpretarase o himno galego, ademais de inauguruarse a mostra de Vicente Pérez que leva por título 'O mar, fonte de vida' na Escola do Campo, e 'Recordo en imaxes'. A animación correrá a cargo do Grupo Rever e, a medanoche, celebrarase a tradicional queimada.
O sábado 13, a praza de San Roque acollerá unha sesión de debuxo infantil a partir das 12.00 horas, mentres que ás 19.30 horas haberá un taller de ecopercusión na Praza da Chousa. Ultrafónicos Band, de Padrón, ofrecerá un concerto ás 22.30 horas, previa animación coa Banda de Gaitas O Son da Pedra Meiga.
O domingo 13 celebrarase a agardada Festa do Mexilón, a partir das 12.00 horas, na Praza da Chousa, recuperando unha cita que se suspendeu coa irrupción da pandemia. A degustación continuará o día 15, xornada que contará coa Baixada á Renda, a partir das 20.00 horas, coa agrupación folclórica Vides Novas.
O martes 16, día de San Roque, ás 13.00 horas ofrecerase unha misa solemne ao patrón, cantada pola Coral Virxe de Fátima. Máster e Area ofrecerán un concerto ás 22.00 horas na Praza da Chousa.
O mércores 17, ás 21.00 horas, será a Festa do Can, con misa ás 19.00 horas en honra a San Antón, na igrexa parroquial, coa seguinte procesión e subida da Renda, con Vides Novas. O xoves 18, ás 19.30 horas, a praza de San Roque acolle o contacontos u traxe novo do rei, a cargo de Tarabelos. Xa ás 21.00 horas, o Mago Rei Midas ofrecerá unha sesión antes do concerto de Gravity PowerTrío ás 22.00 horas.
Durante o venres 19 celebraranse talleres de elaboración de colgantes e pulseiras. A agrupación folclórica Trompos aos Pés actuará a partir das 21.00 horas na Chousa e, a continuación, Bloody Mary ofrecerá un concerto no mesmo espazo.
Na tarde do sábado 20 realizarase unha excursión guiada á Illa de Tambo, a partir das 17.00 horas. Tamén se realizará un parque de inchables na Chousa con entrada a prezo de cinco euros para as persoas non socias do Ateneo Corredoira. Esa noite actuarán Nelson Quinteiro e Os Desbrosadores polo centro de Combarro.
Por último, o domingo 21, Queimatasas amenizarán a xornada a partir das 13.00 horas. Mr.River a partir das 21.30 horas ofrecerá un concerto para finalizar esta semana Cultural, que utiliza nesta edición o lema 'Melodías en movemento'.