A residencia artística 'Depocrea' chega ao seu fin no Náutico de San Vicente

O Salnés
12 de novembro 2022

O laboratorio de creación no que participaron Macarena Montesinos, Carla Andrade, Pablo Barreiro, Diego Vites, Yolanda Ríos e Olmo Blanco, péchase coa presentación das obras que van desde a fotografía á instalación, a composición musical ou a pintura

Última xornada da residencia artística 'Depocrea' no Náutico de San Vicente do Mar Deputación de Pontevedra

Quince días de intensa actividade artística e colaborativa chegaron ao seu fin este sábado para pechar a primeira edición do programa 'Depocrea' impulsado pola Deputación de Pontevedra.

A residencia artística, que se desenvolveu nunha contorna privilexiada como é o Náutico de San Vicente do Mar, contou coa participación de seis creadores: Carla Andrade, Pablo Barreiro, Macarena Montesinos, Diego Vites, Yolanda Ríos e Olmo Blanco.

Na última xornada, amenizada pola música de tres das cantantes do programa provincial 'Descúbreas' como Caro, Ane Swan e Sara Casas, os protagonistas mostraron o seu traballo, con obras que van desde a fotografía á instalación, a composición musical ou a pintura.

A vinculación co territorio e coa cidadanía da contorna era o eixo común que abarcaba todas as disciplinas.

Ao longo destas dúas semanas de residencia, ademais do proceso de creación conxunta, contaron con visitas de público e de profesionais do sector.

A deputada de Cultura, Vitoria Alonso, destacou que tras o éxito desta primeira convocatoria, 'Depocrea' ten garantida unha segunda edición, defendendo que "con este programa quixemos apoiar ás e aos creadores e creadoras e incentivar a innovación para propiciar proxectos con olladas diferentes, que permitan desestacionalizar lugares turísticos cunha poboación local permanente máis escasa e que recollan e actualicen a memoria cultural, social, etnográfica e histórica da provincia, co fin de manter vivo o noso patrimonio intanxible".

Alonso agradeceu ademais a colaboración do Náutico de San Vicente "que permitiu esta sinerxia entre a arte e música e que foi espazo de creación, estudo compartido pero tamén fogar".