A Real Academia Galega propón bautizar o Sexto Edificio do Museo co nome de Filgueira Valverde

Pontevedra
17 de maio 2015

Os académicos celebraron un Pleno Extraordinario no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, institución da que foi fundador, e rematárono sentenciando que "este Museo quedaría moi ben definido se algún día se chama Filgueira Valverde". A Deputación non desbota a idea

Pleno Extraordinario da RAG no Sexto Edificio do Museo Diego Torrado

A Real Academia Galega (RAG) rendeu este domingo homenaxe oficial a Xosé Fernando Filgueira Valverde como persoeiro recoñecido no Día das Letras Galegas 2015 e fíxoo non só recoñecendo a súa figura e aportación á literatura e a cultura galegas, senón reclamando un maior recoñecemento para o polígrafo. Os académicos celebraron un Pleno Extraordinario no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, institución da que foi fundador, e rematárono sentenciando que "este Museo quedaría moi ben definido se algún día se chama Filgueira Valverde".

As palabras son do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que lle fixo unha proposta pública e oficial á Deputación Provincial de Ponteveda para que bautice este novo inmueble dos seis que integran a institución cultural. Dirixiu a proposta de xeito específico ao presidente e a deputada provincial de Cultura, Rafael Louzán e Ana Isabel Vázquez. Esta última non tardou en reaccionar e, a preguntas dos medios, dixo pouco despois que nunca se descartou dar o nome de Filgueira Valverde ao Sexto Edifcio e que, en todo caso, o polígrafo homenaxeado no Día das Letras 2015 terá o recoñecemento que se merece na institución da que foi fundador.

O Pleno da RAG estivo presidido por Alonso Montero e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Montero sinalou que en canto Filgueira Valverde foi elixido como homenaxeado das Letras Galegas 2015 xa se deu conta de que "a Academia non tiña ningunha opción" de elixir outro lugar para o acto central do día que a finalmente elixida, "tiña que homenaxear a Figueira Valverde en Pontevedra e no Museo", ao ser a súa cidade, a "cidade dos seus amores" e a localidade na que se lle coñece, aínda hoxe en día, como "o vello profesor".

Ademais do recoñecemento oficial de Alonso Montero, os académicos Víctor Fernández Freixanes, Francisco Díaz-Fierros e Xosé Ramón Barreiro glosaron a figura do historiador, divulgador e galeguista, que ademais foi alcalde de Pontevedra de 1959 a 1968 e profesor entre 1939 e 1976 en dous institutos da cidade.

Víctor Freixanes, alumno de Filgueira, eloxiou a súa contribución á "Institución Libre de Ensinanza" mentres Francisco Díaz-Fierros insistiu na súa faceta como "divulgador da cultura do país" e Barreira se centrou na súa vertente política e os momentos nos que se desligou do Partido Galeguista.