A Praza do Mar de Sanxenxo estrea o espectáculo 'Portugal no Camiño'

Sanxenxo
30 de xullo 2024

A edil de Cultura e Eventos, Elena Torres, o humorista Pepo Suevos e o músico vilalongués, Dani Dopazo, presentaron este luns a cita

Presentación do espectáculo 'Portugal no Camiño' Concello de Sanxenxo

O espectáculo 'Portugal no Camiño' estrearase este mércores na Praza do Mar de Sanxenxo.

A cita, que se celebrará a partir das 22:30 horas e con entrada libre, presentouse este luns no salón de plenos do Concello.

A edil de Cultura e Eventos, Elena Torres; o humorista Pepo Suevos e o músico vilalongués, Dani Dopazo, convidaron a veciños e visitantes a asistir ao espectáculo no que actuarán Lucía Pérez, Zé Amaro, Manquiña, A Oca Banda e outros artistas sorpresa.

"Queremos facer unha homenaxe a todos os portugueses que ano tras ano nos visitan e esta é unha boa maneira de facelo", explicou Torres.

O humorista Pepo Suevos explicou que do que se trata é de "poñer en valor" a relación entre galegos e portugueses. "A música é o fío conductor do camiño e dunha relación duradeira no tempo entre portugueses e galegos", dixo.

"Trátase de facer unha festa popular, unha foliada masiva de galegos e portugueses", asegurou.

Pola súa banda, Dani Dopazo destacou "a grande mistura entre as dúas rutas do Camiño e a música que vai facer que a xente que asista se vaia cun gran sabor de boca".