A pontevedresa Marta Pazos acada o María Casares á Mellor Escenografía e o arousán Josito Porto o de Mellor Actor Secundario

Pontevedra
10 de novembro 2020

Os XXIV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entregáronse este luns 9 de novembro a través dun formato dixital para evitar riscos. A gala tradicional estaba prevista para o 26 de marzo pero foi suspendida pola irrupción da pandemia. 'Bernarda' foi o mellor espectáculo acadando catro galardóns

O actor arousán Josito Porto co premio María Casares ao mellor actor secundario
O actor arousán Josito Porto co premio María Casares ao mellor actor secundario AAAG

Marta Pazos suma unha nova xerra co rostro da mítica actriz María Casares. Despois de ser premiada pola dirección de 'Super 8' en 2010 e por 'Tokio 3' en 2013, onde tamén a compañía  Voadora obtivo o premio á mellor escenografía; neste 2020, a directora, actriz e escenógrafa pontevedresa lograba o galardón á Mellor Escenografía dos XXIV Premios  do Teatro Galego María Casares pola súa proposta escénica en 'Neorretranca e posmorriña', do Centro Dramático Galego (CDG).

Os XXIV Premios María Casares, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, desvelaron durante a noite deste luns 9 de novembro o nome dos profesionais das artes escénicas que resultaron premiados nesta edición que veu marcada pola irrupción da pandemia. A gala tradicional que estaba prevista para o 26 de marzo tivo que suspenderse debido á situación sanitaria derivada da aparición da covid-19.

Desta forma, os organizadores decidiron realizar unha sesión dos premios integramente virtual, emitida a través da canle en Youtube. O actor Xosé Barato realizou a presentación inicial tras a intervención de Xabier Deive, presidente da AAAG . Despois da entrega do premio á mellor maquillaxe a Martina Cambeiro de Talía Teatro, o segundo galardón foi o concedido a Marta Pazos, que non puido recollelo por estar en Madrid traballando nunha nova produción da compañía Voadora co Centro Dramático Nacional, que leva por título 'Siglo mío, bestia mía'.

A actriz Iria Azevedo recollía o premio e lía a través do móbil todos os recoñecementos aos equipos técnicos e artísticos que Marta Pazos realizaba para elaborar esta vulva de tres metros que se recollía no espectáculo do CDG.

O espectáculo que actualmente está a dirixir Marta Pazos en Madrid chega esta mesma semana, o mércores 11,  ao Teatro Valle-Inclán despois de ser aprazado a súa estrea durante a primavera. 

JOSITO PORTO, MELLOR ACTOR SECUNDARIO

O actor de Vilagarcía Josito Porto foi outro dos premiados da noite. O intérprete lograba o galardón a mellor actor secundario pola súa actuación en 'MedidaXMedida' de Producións Excéntricas. Trátase da quinto María Casares na súa carreira.

Josito Porto tivo un recordo cara aos "invisibles" da profesión e lembrou aos políticos que "a xente do oficio" está a pasalo moi mal. E criticou aos dirixentes políticos coa frase "cando os políticos deixen de facer o paiaso, nós deixaremos de facer o político"

O resto de premios foron a mans de Laura Iturralde, mellor iluminación por 'Fariña'; mellor vestiario para Carlos Pinilla por 'Despois das ondas' mellor música orixinal para Lucía Aldao por 'Liberto' mellor adaptación teatral para María Peinado.

O premio de Honra Marisa Soto para a actriz e docente de Narón, Flor Maceiras; o premio á mellor actriz secundaria foi a mans de Celia González; Machi Salgado obtivo o premio ao mellor actor protagonista por 'Idiota' Rocío González levou o de mellor actriz protagonista por 'Liberto; a mellor dirección recaeu ex aequo sobre María Peinado y José Prieto por 'O meu mundo non é deste reino' e por 'Bernarda' respectivamente; Teatro Avento fíxose co premio ao mellor espectáculo infantil e 'Bernarda' de Malasombra Teatro convertíase na triunfadora da noite co premio ao mellor espectáculo sumando catro xerras.