A perspectiva feminina na banda deseñada será premiada en Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2016

O Garaxe Hermético, a escola que Da Silva ten na cidade, en colaboración co Concello, convocou a primeira edición dos premios Ernestina Otero de banda deseñada para recoñecer a aqueles autores que introduzan a perspectiva de xénero nas súas creacións

Carmen Fouces e Kiko Da Silva no Concello Mónica Patxot

A banda deseñada segue sendo un ámbito "hostil" en materia de igualdade de xénero. Así o recoñece un dos principais autores e editores galegos, Kiko Da Silva. Non só nas historias que se expoñen, onde a muller en moitos casos ten un compoñente "estético e sexual", senón tamén polas grandes autoras "que non están a destacar como deberían".

Un primeiro paso para corrixir esa tendencia darase en Pontevedra. O Garaxe Hermético, a escola que Da Silva ten na cidade, en colaboración co Concello, convocou a primeira edición dos premios Ernestina Otero de banda deseñada para recoñecer a aqueles autores que introduzan a perspectiva de xénero nas súas creacións.

O premio está aberto tanto a autores noveis como consagrados. Deberán presentar unha obra inédita, que non fora publicada, de seis páxinas e en galego. Os participantes terán de prazo ata o próximo 1 de febreiro. As propostas, en formato dixital, poderán ser presentadas no rexistro do concello ou remitidas por correo postal. 

Entregaranse tres premios -de 2.000, 1.000 e 500 euros- e as obras galardoadas serán publicadas para distribuírse entre os centros educativos de Pontevedra. O xurado tamén poderá entregar tres accésits, que tamén verán publicado o seu traballo e formarán parte da exposición que se realizará con motivo do 8 de marzo, día da muller traballadora.

A entrega dos premios incluirá tamén a homenaxe a unha autora de banda deseñada, que terá un dobre obxectivo: recoñecer o seu traballo e abrir as portas a referentes femininos neste ámbito de creación cultural.

Carmen Fouces, concelleira de Igualdade, explicou que tras os premios aos traballos universitarios, o Concello pon agora a súa mirada no banda deseñada porque "chega a moita xente" e trátase dunha ferramenta de "primeiro nivel" ao igual, dixo, que as redes sociais. É "importante", por tanto, que se comprometan con esa perspectiva de xénero.

Neste sentido, Kiko Da Silva asegurou que o sector debe esforzarse por cambiar a tendencia de "estar vencellado aos homes", especialmente cando se aprecia que empezan a "agromar" autoras femininas que están alcanzado certa repercusión e que, ao non ser tratadas da mesma maneira, a súa visibilidade non é a que deberían ter.

"Os autores deben reflexionar sobre o tipo de historias que están a contar", explicou Da Silva, que puxo o exemplo das historias de superheroes, dirixidas maioritariamente a un público masculino e que ofrecen unha visión "trasnoitada" da sociedade, ao presentar de forma recorrente ao heroe que salva a mulleres desamparadas.