A Orbil Parade anuncia que o Salón do Libro xa está aquí

Pontevedra
21 de abril 2021

Oito estatuas de Orbil anuncian en diferentes puntos da cidade a inminente apertura da edición máis esperada do Salón do Libro. Activouse a reserva de entradas para a primeira semana

Orbil Parade do Salón do Libro 2021 PontevedraViva

Oito figuras de Orbil, instaladas en diferentes puntos da cidade, anuncian o inminente comezo da edición máis esperada do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa apertura se producirá este venres 23 de abril.

Un ano despois de que a irrupción da pandemia obrigase a cancelar a edición que estaba en marcha, o Salón volve estar aquí.

As figuras da popular mascota do Salón instaláronse en Alfonso XIII, as prazas de Ourense, Barcelos, Teucro, As Regas, a ponte do Burgo e a Illa do Covo ou Illa das Esculturas, coa finalidade segundo o Concello de destacar diferentes puntos da cidade que son exemplo de sustentabilidade e posta en valor do espazo público para especialmente dos nenos e nenas.

Ademais a Orbil Parade, na súa segunda edición, contará cun mapa elaborado por Tania Solla para facilitar o descubrimento das figuras do agarimoso lobo. Tamén contará cun reforzo audiovisual que explicará  curiosidades sobre os emprazamentos escollidos e outros lugares destacados da cidade como os parques forestais da Fracha, A Tomba e Pontillón do Castro, recentemente reacondicionados.

Por último dentro do Salón do Libro, no Pazo da Cultura, instalouse unha figura en branco para que os protagonistas, os nenos, poidan decorala con ceras de cores.

RESERVA DE ENTRADAS

Por outra banda o Salón do Libro activou este mércores a reserva de entradas na súa páxina web para as diferentes actividades que terán lugar durante as súas primeiras xornadas, entre os días 23 e 28 de abril.

Algunhas desas actividades esgotáronse en cuestión de minutos. "Había moita gana de Salón", sinala a organización apuntando a necesidade de reservar entradas para visitar o Salón debido á situación actual e ás restricións, aínda que todas as actividades do programa serán de balde.

Tanto é así que o venres 23 non se realizará a tradicional apertura de portas no Pazo da Cultura e posterior visita ás instalacións, coincidindo co acto inaugural, para evitar así aglomeracións.

Ademais antes de que comece de maneira oficial, como aperitivo, este xoves 22 está previsto que comece o III Congreso Internacional de Mediación Lectora do Salón, que esgotou as súas 150 prazas dispoñibles.

Arquivado en