A ópera soará nas Festas de San Roque cun tributo a Pavarotti e a Montserrat Caballé

O Salnés
18 de xullo 2024

A velada que protagonizarán a sobriña do tenor italiano e a filla da soprano española celebrarase o luns 19 de agosto, ás 22.30 horas, no parque da Xunqueira

Simona Todaro-Pavarotti, nunha actuación co seu tío, Luciano Pavarotti Concello de Vilagarcía de Arousa

As Festas de San Roque de Vilagarcía incluirán unha gala lírica que renderá homenaxe a dúas das máis grandes figuras da ópera de todos os tempos: Luciano Pavarotti e Monserrat Caballé.

A velada que protagonizarán a sobriña do tenor italiano e a filla da soprano española celebrarase o luns 19 de agosto, ás 22.30 horas, no parque da Xunqueira.

"Querida Montserrat, Querido Luciano" é o título do concerto tributo no que actuarán Montserrat Martí Caballé e Simona Todaro-Pavarotti, xunto con Luis Santana e a vilagarciá Dolores Crespo como artistas convidados. O acompañamento ao piano correrá da man de Víctor Carbajo.

Será un recital no que se interpretarán pezas de ópera e zarzuela cantadas en numerosas ocasións polos artistas cuxas voces resoaron nos mellores teatros do mundo, dende Sídney ata Roma, dende París a Nova York.

Dous grandes da ópera que foron un verdadeiro orgullo para Italia e España, dous países unidos como unidos estaban Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti polo cordón umbilical do canto.

Esta gala súmase aos concertos xa anunciados previamente, os de Guadi Galego (14 de agosto), Café Quijano (17 de agosto), Anni B Sweet (18 de agosto) e Antonio Carmona (20 de agosto).