A novela gráfica 'As 9 cruces' xa esta disponible en papel

Pontevedra
11 de febreiro 2023

O libro 'As 9 cruces' impulsado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e realizado polo Garaxe Hermético xa fora visualizado e descargado na web e nas redes sociais preto de 31.000 veces durante súa difusión por entregas a finais do ano pasado

Presentación da novela gráfica ‘As 9 cruces’ Deputación de Pontevedra

A novela gráfica que recolle a historia dos nove miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira (Baiona) xa está dispoñible en papel. 

O libro ‘As 9 cruces’ impulsado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e realizado polo Garaxe Hermético xa fora visualizado e descargado na web e nas redes sociais preto de 31.000 veces durante súa difusión por entregas a finais do ano pasado.

Este venres tivo lugar a súa presentación no Salón de Plenos do Pazo Provincial cunha grande acollida de público, e dende a semana próxima será repartido nos centros de ensino secundario da provincia e as bibliotecas e centros de lectura municipais, ademais de poder recollerse de balde nas dependencias do Arquivo provincial ata esgotar exemplares.

A presentación contou coa presenza da deputada de Memoria Histórica María Ortega, Xosé Lois Vilar en representación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), o coordinador da peza e responsable da escola O Garaxe Hermético Kiko Da Silva, o guionista Fernando Llor, e Alba María, responsable dos momentos musicais da xornada.

A deputada María Ortega lembrou que a novela gráfica sobre a Bombardeira é a segunda da colección iniciada con ‘Regreso á Illa de San Simón’, que pretende percorrer e explicar historias e lugares de singular importancia para a memoria histórica da provincia. Segundo dixo, o departamento de Memoria está a insistir en utilizar as bandas deseñadas no seu empeño de chegar á xente moza porque está a dar moi bo resultado. 

Salientou tamén que este curso a Deputación ten en marcha un obradoiro para facer banda deseñada con temática de memoria que está a ter moita demanda nos centros de ensino secundario, e destacou que se escolleu outra vez este formato para explicar a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán co gallo das Letras Galegas de 2022, subliñando a súa condición de exiliado.

Na xornada deste venres tamén tomou a palabra o coordinador da novela gráfica Kiko Da Silva en nome das e dos ilustradores que participaron no traballo colaborativo: Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.