A Deputación, a través do seu departamento de Memoria Histórica, presentará este venres día 10 o seu segundo libro de banda deseñada para achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia.
A nova obra, titulada 'As 9 cruces', conta a historia do acontecido o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro, grandes defensores da República e agora símbolos da resistencia, nun dos lugares máis fermosos da costa galega, a curva de Baredo, coñecida dende entón como a Volta dos Nove.
Os feitos están narrados na banda deseñada a modo de novela gráfica, coordinada unha vez máis polo debuxante Kiko Da Silva, co guión de Fernando Llor e os debuxos de Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.
No acto de presentación, no que estarán tanto o coordinador como parte dos autores, será no salón de Plenos do Pazo Provincial ás 19 horas do venres. Participarán tamén a deputada de Memoria María Ortega, integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a artista Alba María, que porá a nota musical dende a perspectiva da memoria histórica. Pódese reservar praza en memoriahistorica@depo.gal.
A entrada é aberta ao público, e cada asistente poderá levar para a casa un exemplar da banda deseñada, que xa se fora publicando capítulo a capítulo por entregas semanais entre outubro e decembro do pasado ano na web da Deputación (no apartado de Memoria Histórica).
O libro impreso será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén nas bibliotecas e puntos de lectura municipais.
Ademais, a xente interesada poderá solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da Deputación situado nas dependencias do Arquivo Provincial ata esgotar existencias.