A nova edición de 'Mulleres Creativas' celebrarase no Auditorio do Grove e contará con Margarita Ledo e Sonia Méndez

O Salnés
15 de xuño 2022

A Asociación Grovemakers, con este tipo de actividades, pretende mostrar a súa vertente máis cultural, xa que os seus obxectivos como colectivo van máis aló de deseñar, producir e comercializar os seus propios produtos. E a creatividade é, como non, un dos seus puntos fortes

Visitas Cruzadas no Museo: Margarita Ledo e Xacio Baño Mónica Patxot

A Asociación Grovemakers volve apostar polo evento 'Mulleres Creativas', tras tres anos de parón a causa da pandemia. Con este tipo de actividades, a entidade pretende amosar a súa vertente máis cultural, xa que os seus obxectivos como colectivo van máis aló de deseñar, producir e comercializar os seus propios produtos. E a creatividade é, como non, un dos seus puntos fortes.

Mulleres Creativas nace no ano 2019 coa finalidade de visibilizar o traballo das mulleres neste eido. Agora pretenden que o evento medre e este encontro sexa unha actividade de referencia a nivel galego, atraendo ata a O Grove a un perfil de público moi concreto. 

Nesta nova edición puxeron a súa ollada no sector audiviosual, "e conseguimos xuntar nestas xornadas a figuras como Margarita Ledo ou Sonia Méndez", que achegan ata o municipio os seus documentais 'Nación' e 'A poeta analfabeta', respectivamente. Ambas directoras estarán acompañadas pola grovense Dunia Álvarez, autora da obra 'A Meca dos Cines', unha peza audiovisual sobre a historia dos cinemas no pobo. 

Estas tres mulleres terán a oportunidade, no só de falar do seu traballo, senón tamén de debater sobre o papel da muller no audiovisual na actualidade, unha charla que terá lugar o sábado 18.

O domingo 19, a xornada comezará cun podcast en directo realizado polos xornalistas que conforman Café Derby 21, que terán como convidadas ás colareiras máis famosas de TikTok: Patri e Veva, dúas mecas que se están volvendo virais nas redes. A mañá pecharase coa intervención da artista dixital Marta Verde, galega afincada en Valencia que coas súas instalacións multimedia estase a facer un oco no panorama nacional. 

As xornadas pecharase coa compositora meca Carolina Rubirosa, que ven de quedar segunda no Festival da Canción de Linguas Minoritarias en Liet. Rubirosa presentará tamén as súas pezas audiovisuais, nas que xoga un importante papel a nivel creativo, e deleitará ao público con algún dos seus temas máis recentes.

Dende a Asociación Grovemakers sinalan que estas xornadas, que estarán presentadas pola xornalista Laura López, teñen "unha clara pretensión de poñer o foco nas mulleres. Así que a escolla das pezas audiovisuais tampouco e baladí, xa que están protagonizadas por mulleres que libran as súas propias loitas: a activista Luz Fandiño por un lado, e as traballadoras da fábrica de louza A Pontesa pola outra. A sociedade quédalle moito por facer para acadar unha igualdade real, pero as mulleres temos moito que decir".