Apenas cen días quedan para que Galicia despida dous anos de Xacobeo e o pistoletazo de saída a esta recta final do dobre ano santo foi en Pontevedra. Miles de persoas reuníronse no Parque de Tafisa para asistir á primeira edición do festival Río Verbena.
Uns 4.000 asistentes, segundo datos da organización, gozaron este sábado da mellor música urbana, con sete actuacións musicais e máis de nove horas de festa 'non-stop'.
O primeiro en subir ao escenario, pouco despois das cinco e media da tarde, foi o grovense Thom Archi, que mostrou ao público o seu son único e persoal, curtido entre influencias que navegan entre o pop e o hip-hop.
O rapeiro canario Maikel Delacalle e a viguesa Sila Lua, unha artista a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea, animaron o festival antes da chegada da artista portorriqueña Villano Antillano, no que foi o seu primeiro concerto en Galicia.
A traca final do festival Río Verbena chegou con Ayax, unha das principais referencias do rap español, e, sobre todo, cos madrileños Natos e Waor que, acompañados de Recycled J, trouxeron a Pontevedra o seu Hijos de la Ruina, proxecto que se despedía dos escenarios.
Temas como Nosotros, Hasta que salga el sol, Sudores fríos, A la tumba, Platos rotos ou Más alcohol foron coreadas polos seus máis entusiastas seguidores, que desde había semanas esperaban con ansia que chegase o día de velos en directo.
Groove Amigos foron os encargados de amenizar a velada ata o peche do festival, seguindo o ronsel que horas antes iniciaran DJ como More Amore, N.Skillzz e G.Rich.
Xunto á parte musical, o festival ofreceu diversas actividades paralelas para goce dos seus asistentes, entre elas exhibicións de grafiti da man de O'Ras ou unha zona gastronómica con numerosos 'food-trucks' e menús para todos os públicos.
Ademais, a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, no marco deste evento, repartiu 3.000 árbores gratuítas entre os asistentes co obxectivo de compensar os efectos do seu impacto ambiental e implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático.
O Río Verbena foi un festival organizado por Esmerarte e Maldita Sed, co apoio do Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través do Xacobeo 21-22.