A música clásica chega a vindeira semana á programación de Pontevedra vívese

Pontevedra
01 de agosto 2020

O programa 'Clásicas na rúa' ofrece seis propostas musicais en dous escenarios: o palco da música da Alameda e a praza da Ferraría

Palco da música, na Alameda Mónica Patxot

A música clásica tamén estará presente na programación de verán 'Pontevedra vívese' a través do programa 'Clásicas na rúa'. Este programa oferta 6 propostas musicais, que terán lugar entre o luns 3 e o mércores 5 de agosto, en dous escenarios: na praza da Ferraría e no palco da música da Alameda.

Ao igual que no resto da programación de verán, 'Clásicas na Rúa' tamén aposta por formacións musicais da contorna e de Galicia, co obxecto de poñer en valor o talento artístico do país, valorizar a cultura propia e amosar a variedade e pluralidade do sector cultural galego.

Programa Clásicas na Rúa 3 de agosto

  • 21:00h. Palco da música da Alameda. Dúo Xistra 
  • 21:30h. Praza da Ferraría. Dúo Cromo

 

4 de agosto

  • 21:00h. Palco da música da Alameda. Cuarteto Convervatorio
  • 21:30h. Praza da Ferraría. Juanjo Cura

 

5 de agosto

  • 21:00h. Palco da música da Alameda. Dúo Finisterrae
  • 21:30h. Praza da Ferraría. Samudra Trío

 

Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control... Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. 

A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto.
Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.

 

Arquivado en