'La comunidad', o artigo publicado polo xornalista ourensán Ricardo F. Colmenero en El Mundo, logrou o premio Julio Camba na súa trixésimo novena edición.
O artigo iníciase con esta expresión: "A mi vecina, la que está buena, la conocí una mañana en el portal. Yo iba o venía de correr y ella iba o venía de estar buena". Para continuar coas seguintes frases: "Se quedó allí a mirarme mientras estiraba, y me contó que acababa de mudarse con sus dos hijos adolescentes, y que le apetecería volver salir a correr con alguien. Algunas partes de mi cuerpo reaccionaron enseguida, pero conservarlas me mantuvo en silencio. Poco después me vio con mi mujer y ahora, si me pilla estirando en el portal, hace por no saludarme".
"É un artigo xugoso e moi ameno de ler", afirmou Alfredo Conde, presidente do xurado que está composto tamén por Carlos Valle, Víctor Freixanes e Gervasio de Posadas.
A través dun contido irónico, este traballo relata a relación que o narrador mantén coa veciñanza mentres realiza estiramentos e practica deporte. "Nunca se sabe o que podes atopar practicando jogging, porque como todos sabemos, é un deporte moi perigoso", apuntou o presidente do xurado. Entre outras escenas, Colmenero conta a súa amizade con outro dos veciños da comunidade que "cuando me ve me habla de Rumanía y yo asiento para que no me pegue". O autor recibirá por este galardón unha contía de 6.000 euros.
Ricardo Fernández Colmenero está licenciado en xornalismo pola Universidade de Navarra. Comezou a súa carreira no Miami Herald e actualmente desenvolve a súa actividade como parte da redacción de El Mundo.
Ao premio Julio Camba presentáronse 114 traballos nesta edición, moitos deles procedentes doutros países, segundo relataba Conde, que indicou que estes galardóns de literatura xornalística, convocados por Afundación, a obra social de Abanca, e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, "reflicten moi ben a realidade desde a literatura publicada nos xornais".
JAUREGUIZAR GAÑA O PREMIO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
O escritor Santiago Jaureguizar lograba o Premio Fernández del Riego para textos escritos en lingua galega. O seu traballo 'Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor'foi publicado nos xornais El Progreso e o Diario de Pontevedra.
Segundo Alfredo Conde, o texto de Jaureguizar é "unha mestura de citas que van ganduxando e describindo a realidade dos anos oitenta cando estoupou a bomba na discoteca Clangor de Santiago de Compostela". O escritor de orixe bilbaína obtén este galardón nesta décimo quinta edición á que se presentaron 25 artigos xornalísticos.
Jaureguizar é un dos autores contemporaneos galegos máis prolífico en distintos estilos cun importante número de obras de narrativa tanto xuvenil como para adultos. Entre as súas obras destacan 'Casa Skylab' e ' Cabaret Voltaire'.