Miles de persoas pasan a diario pola libraría Lello do Porto, considerada por moitos como a máis bonita do mundo. Aguantan longas colas -e o pago dunha entrada de cinco euros- para coñecer un establecemento que, segundo din, inspirou á escritora J. K. Rowling para crear parte do universo de Harry Potter.
Co que non contaba este popular mago é que lle ía a saír un rival en popularidade: o lobo Orbil. A peluda mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra foi este venres a gran atracción na centenaria libraría e, entre fotos e saúdos, houbo incluso quen preguntou en que película da saga Harry Potter saía ese personaxe.
O espazo Vozes Vivas, que dedica a libraría Lello a presentacións de libros e eventos, foi o escenario elixido por Pontevedra para dar a coñecer ao público portugués os detalles da vixésima edición do Salón do Libro que, coa revolución como tema central, terá en 2019 á literatura lusófona como convidada.
Así, na súa aposta pola internacionalización, o Salón do Libro contará con autores, editores, ilustradores ou narradores de Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, Timor, Macau, Guinea Bissau ou San Tomé e Príncipe. Todo iso para demostrar, segundo a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que "hai máis cousas que nos unen que as que nos separan".
"Hai todo un idioma inmenso común esperando e necesitamos que os nenos o saiban", sinalou a responsable de Cultura.
Na súa intervención, Fouces explicou que a elección da revolución como temática trata de demostrar que "entre todos e todas, podemos cambiar as cousas" e que deixar entrar aos libros nas nosas vidas "serve para coñecernos a nós mesmos e o mundo que nos rodea" e, entre outras cousas, "viaxar a todos os lugares posibles".
Como parte deste "irmandamento" entre Pontevedra e a cultura lusófona, na presentación tamén participou a ilustradora e editora Mafalda Milhoes, que estará á fronte da delegación de autores de fala portuguesa que participarán no Salón do Libro entre o 22 de marzo e o 12 de abril.
Milhoes celebrou que eventos culturais como o Salón do Libro contribúan a descubrir "novas formas" de lectura, aproximala aos máis pequenos e crear "lectores críticos e intelixentes".
Ela será a responsable, ademais, dunha gran exposición que se mostrará no Museo de Pontevedra durante esas datas e que reunirá aos grandes nomes da ilustración portuguesa. "Será un desafío", recoñeceu, ao destacar que en Portugal existen artistas "magníficos", que apostan pola diversidade e que "nos representan por todo o mundo".
Todos eles, engadiu, son "portadores de historias" que logran que as súas imaxes, aínda que o público que as contemple non sexa portugués, "tomen sentido" para eles e "emprendan unha viaxe que os transporta ao noso universo".
A modo de aperitivo, os asistentes puideron gozar coa narración de dous contos, A nai de San Pedro de Mafalda Milhoes e A ra dá boca grande de Andrea Bayer, que encandearon aos pequenos e maiores que se achegaron a comprobar como o Salón do Libro de 2019 tenderá unha ponte entre a literatura infantil e xuvenil de ambas as beiras do río Miño.