A Guerrilla "máis extensa e ambiciosa" trae a Pontevedra a Leo Bassi, Mercedes Peón ou Olatz Gorrotxategui

Pontevedra
12 de setembro 2023

Pontevedra é un exemplo "a nivel de resistencia cultural e social". Así o aseguran os organizadores do ciclo Guerrilla. De aí que, xa consolidado como un dos ciclos culturais de referencia na cidade, no seu terceiro ano aposten por unha edición "máis extensa e ambiciosa"

Presentación da terceira edición do ciclo Guerrilla Concello de Pontevedra

Pontevedra é un exemplo "a nivel de resistencia cultural e social". Así o aseguran os organizadores do ciclo Guerrilla. De aí que, xa consolidado como un dos ciclos culturais de referencia na cidade, no seu terceiro ano aposten por unha edición "máis extensa e ambiciosa".

E non é só unha declaración de intencións. Guerrilla desdóbrase en dúas fins de semana, os días 29 e 30 de setembro, por un lado; e 5, 7 e 8 de outubro, polo outro. Ambas estarán ligadas por un fío temático común, a importancia da interseccionalidade nas reivindicacións sociais.

Migracións, feminismos, colectivo LGTBIQ+, loita interxeracional e reivindicación da diversidade lingüística e cultural son algúns dos temas que abordarán os diversos espectáculos e artistas que protagonizarán estas xornadas de cultura reivindicativa.

"É unha programación que vén falar desas loitas sociais, deses espectáculos e artistas que nun momento dado poden ser incómodos, que poden falar de temáticas que nos afectan a todas e todos pero que o sistema non lles dá o espazo que moitas veces precisaría para poñer en cuestión valores fundamentais da nosa sociedade", explicou o seu coordinador, Manuel Roxo.

A programación comezará cun dos seus pratos fortes, os concertos de MJ Pérez e O Rabelo, dúas figuras que son "chaves para entender as reivindicacións de xénero e diversidade afectivo sexual da música galega actual". Serán o día 29 no Teatro Principal ás 21:00 horas. 

Sobre o escenario do teatro pontevedrés presentarán a importancia do feminismo e daranlle unha volta aos roles de xénero, abrindo camiño cara un novo espazo onde os estereotipos de xénero se dilúen nun abiente festivo, inmersivo e animado. 

O día 30 viaxa a Pontevedra dende Euskadi Olatz Gorrotxategui coa súa obra de teatro Mierda de ciudad, la historia del rock radical vasco. O espectáculo será tamén no Principal ás 21:00 horas. 

A peza é un western musical sobre o auxe e a caída do rock radical vasco, unha historia sobre unha xeración que busca o seu lugar, básico para entender o contexto sociocultural da época. 

A semana seguinte os protagonistas da programación de Guerrilla serán tres: Leo Bassi, Mercedes Peón e Fermín Muguruza.

Así, o xoves 5 de outubro Leo Bassi estará no Teatro Principal co seu espectáculo 70. Nel, o famoso clown italiano reflexiona sobre o paso do tempo e conta como está vivindo a súa entrada na década dos 70: con vitalidade e ganas de facer cousas.

Pola súa banda, Mercedes Peón actuará o sábado 7 ás nove da noite con Ósmose, un espectáculo audiovisual e sonoro que pon en valor a loita das obreiras da fábrica de Pontesa. 

A artista, presente na presentación deste ciclo, destacou que a súa proposta "é unha metáfora, una peza híbrida" que traza un diálogo coa película Nación de Margarita Ledo, a través do seu imaxinario sonoro e político, creando unha "experiencia sensorial".

"É un espectáculo doado de ver e con moitísima plasticidade. Acontecen cousas que saen da pantalla, con moita fraxilidade é moi sutil", subliñou Peón, que indicou que as protagonistas son as mulleres traballadoras das conserveiras da Illa de Arousa e da Pontesa.

O broche de ouro de Guerrilla será o domingo 8, ás 19:00 horas, coa presenza en Pontevedra das protagonistas do documental de Fermín Muguruza, Essoh Romeo Atchori, Yedoh Aetz Atchori Lazkano e Miren Larraitz Lazkano Vendrell.

O documental pon voz ás historias afogadas nas augas do río Bidasoa entre Irún e Hendaia polo esforzo policial en evitar a entrada dos inmigrantes en tránsito cara o resto de países europeos, un caso real que viviu a frontera pirenaico-atlántica natural do Bidasoa no verán de 2018.

Todas as entradas poden conseguirse xa en Ataquilla.com. Todos os espectáculos teñen un prezo de 10 euros, agás o concerto de MJ Pérez e O Rabelo, que custa 6 euros e o documental de Fermín Muguruza, que será proxectado de balde.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, afirmou que os espectáculos de Guerrilla "entran dentro de esa arte máis comprometida co seu mundo e a necesidade de convertilo nun lugar mellor".

Forman parte dunha arte, engadiu, que "móllase, enfángase, mánchase e colócase do lado das persoas que teñen problemas, que viven neste mundo complicado, das persoas que axudan a mantelo en pé e sobre todo das persoas que loitan".