A gala de entrega dos premios 'Mulleres no Foco' celebrarase en Pontevedra a finais de setembro

Pontevedra
05 de abril 2022

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, presentaba este martes a segunda convocatoria destes premios cinematográficos e unha nova xornada da Escola de Igualdade María Vinyals centrada no labor de produtora executiva e directora no terreo audiovisual. A directora premiada cun Goya, Chelo Loureiro, e Uxía Caride, xerente de AGAPI, acompañaron á presidenta amosando o seu apoio a estes proxectos

Presentación de actividades de audiovisual feminino na Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A segunda edición dos premios cinematográficos 'Mulleres no foco' entregaranse neste 2022 en Pontevedra. Será a finais de setembro, segundo anunciaba este martes Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, despois de que a gala da primeira edición se desenvolvera en Vigo. 

A presidenta provincial acompañada por Chelo Loureiro, directora de 'Valentina', gañadora do Goya, explicaba que estes premios que promove a institución provincial son tan relevantes como os Mestre Mateo.  "Estamos dispostas a gañar o presente, non o futuro", apuntou Silva indicando que estes premios son fundamentais para ocupar os espazos que corresponden á muller. Sobre a gala prevista en Pontevedra anunciou que será "un gran evento que imos coidar e mimar moito. Queremos que sexa unha gran referencia a nivel galego e nacional".

Nesta edición increméntanse as dotacións económicas dos premios con tres galardóns de 5.000 euros porque "o voluntarismo das mulleres nos ten fartas", explicou a presidenta, argumentando que a defensa da igualdade ten que realizarse con feitos e non con palabrería. 

O prazo para presentar as candidaturas iniciarase este xoves 7 de abril e finalizará dentro dun mes. O xurado profesional avaliará a traxectoria, a perspectiva de xénero, o activismo e o talento feminino das candidaturas.

A directora Chelo Loureiro agradeceu estas iniciativas e destacou que se trata dos únicos premios en todo o país para mulleres cineastas, agradecendo o incremento dos premios. Comparou a gala da primeira edición en Vigo guionizada e dirixida por mulleres que "derrochaba intelixencia" fronte á entrega dos Oscar deste ano "onde sobresae un machismo un pouco cutre e casposo". Lamentou que a agresión de Will Smith agochara a consecución do galardón por parte de Jane Campion, terceira muller premiada en dirección na historia dos Oscar.

'PRODUTORA EXECUTIVA E DIRECTORA. ELECCIÓN OU NECESIDADE?'

Carmela Silva tamén presentaba con Uxía Caride a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals que se celebrará o 27 de abril ás 18.00 horas no salón de plenos da Deputación de Pontevedra coa proxección de 'Elas, produtoras executivas', un documental que se estreará en Pontevedra sobre o traballo das produtoras executivas actuais, que son moitas e de gran talento pero "moi descoñecidas", segundo indicou Caride. 

A continuación desenvolverase unha mesa de debate sobre a dicotomía que afecta a moitas mulleres que teñen que enfrontarse a unha produción e dirección dos seus traballos audiovisuais. Participarán Chelo Loureiro, Paula Cons, Ruth Cao e Jaione Camborda. Durante esta sesión analizarase a  multitarea á que se enfrontan as mulleres no sector audiovisual.

A presidenta provincial tamén aproveitou a cita para anunciar o lanzamento da nova edición de patrocinios audiovisuais para entidades que realicen a produción en galego co obxectivo de dar notoriedade á provincia dentro do proxecto 'Pontevedra, plató de cine'. As axudas contemplan un máximo de 15.000 euros para longametraxes e de 3.500 para curtametraxes.

As solicitudes deberán realizar por vía electrónica. O prazo finalizará o 31 de agosto e terase en conta, entre outros aspectos, a promoción da igualdade nos proxectos que se presenten.