O próximo venres día 30 de setembro no Auditorio Afundación de Pontevedra celebrarase a gran gala de entrega da segunda edición dos premios "Mulleres no Foco", os "Óscar da provincia de Pontevedra", cos que a Deputación e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) recoñecen e visibilizan o talento feminino do audiovisual.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este venres en rolda de prensa esta gala que, segundo adiantou "o evento máis potente que se ten desenvolvido na provincia en todo o ano e o máis importante do audiovisual no Estado".
Xunto a Carmela Silva participaron nesta presentación Marta Villar, a nova delegada de CIMA, e as actrices Arantxa Treus e Mónica Sueiro, presentadoras do evento no que se darán a coñecer ás tres premiadas de entre as 17 candidatas aos galardóns.
Carmela Silva animou a que a xente encha as 400 prazas do auditorio e se inscriba mulleresnofoco@depo.gal "se queren ser felices, apúntense", dixo a mandataria provincial.
O pasado 2021 a gala celebrouse en Vigo e "foi un éxito de público" pero nesta segunda edición "aínda vai ser máis tremenda, absolutamente potente, vai ser unha entrega de Óscar ás grandes mulleres do cinema", afirmou Carmela Silva.
A gala contará coa actuación musical en directo da cantante Sés e cun photocall de cine amenizado por Sarao Animación. Será unha gala "teatralizada e con moita escenificación", ademáis de moitas sorpresas.
A directora de arte e delegada de CIMA Marta Villar agradeceu á Deputación a posta en marcha destes premios e o feito de darlles continuidade, e valorou a importancia que ten "non só o recoñecemento, tamén a dotación económica".
As 17 candidatas recibirán unha escultura, a camelia branca deseñada pola artista Ana Tenorio, "símbolo das mulleres sufraxistas" e as tres gañadoras amais dun premio de 5.000 euros (a dotación incrementouse en 2.000 euros), tamén se levarán a escultura elaborada por Pilar Alonso que xa é o emblema destes premios.
Cara aos Premios, as 17 nomeadas representan todas as idades e especialidades do audiovisual. Son Manane Rodríguez Rodríguez; Jaione Camborda Col; Lucia Catoira Pan; Xisela Franco Costas; Maria Isabel Martínez Martínez; Pilar Comesaña Amado; Micaela Sinde Stompel; Araceli Gonda Cabrera; Tatiana Rodríguez Vázquez; Beatriz Legerén Lago; Andrea Vázquez García; Natividade Juncal Portas; Paula Cons; Chelo Loureiro; Lucía Estévez González; Adriana Pérez Villanueva e Belén Montero Rodríguez.