A final do concurso galego de freestyle 'CeibaRimas' disputarase na Praza da Pedreira

Pontevedra
03 de outubro 2024

Ademais da competición, haberá varios concertos de grupos consolidados como Flow do Toxo e Kid Mount e tamén de artistas emerxentes como Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola

Liga CeibaRimas 2022 CeibaRimas

O sábado día 12 de outubro, dende as cinco da tarde, na Praza da Pedreira disputarase a final do concurso galego de freestyle CeibaRimas.

O freestyle é un tipo de rap improvisado. Nesta competición, utilizando como lingua o galego, poden participar todas a mocidade que teña interese, ademais das persoas que xa están clasificadas porque participaron en anteriores fases do concurso. A entrada é totalmente de balde.

O concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez presentou o CeibaRimas, acompañado de Román Castaño, membro da organización.

O concurso consistirá nunha parte clasificatoria na que toda a xente apuntada se irá cribando e de aí sairán as persoas clasificadas para oitavos, onde comezarán as batallas individuais.

Haberá roldas con certas temáticas e estímulos para que os participantes improvisen sobre eses temas.

Ademais da competición, haberá varios concertos de grupos consolidados como Flow do Toxo e Kid Mount e tamén de artistas emerxentes como Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola.

O evento estará conducido por Lil Moma e amenizado pola DJ Nu.Eva. 

Repartiranse premios de ata 800 euros en metálico e máis de 600 en agasallos de marcas galegas. 

Esta competición anual de freestyle en galego, que foi merecedora dun dos Premios Mil Primaveras 2023, é xa un referente no ámbito da música e da cultura urbana galega. Entre os seus obxectivos está o de normalizar e dinamizar o galego entre a mocidade a través dos espazos de improvisación oral.