A finais de xullo resucitará o Armadiña Rock

Poio
22 de abril 2024

A última fin de semana do mes de xullo volverá o rock a Combarro coa celebración da 15 edición deste Festival, organizado pola Asociación Cultural Armadiña. En 2023 decidían suspender o evento debido á falta de apoios administrativos e institucionais, ademais da necesidade de descanso por parte dos integrantes da organización. Agora anuncian o retorno con cambio de datas de celebración

Armadiña 2022

O Armadiña Rock regresa e faino con novas datas de celebración na súa décimo quinta edición.

A fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo, a Praza da Chousa en Combarro volverá encherse de público para seguir os concertos do rock máis contundente previsto para esas tres xornadas.

O evento foi suspendido en 2023. A Asociación Cultural Armadiña, colectivo responsable da cita musical, recoñecía entón que decidira suspender o festival ante a falta de apoios administrativos e institucionais, ademais da necesidade de descanso por parte dos integrantes do colectivo organizador.

Agora volven e cambian o mes de celebración, pasándoo de agosto ao mes de xullo. "Sabemos que coincidiremos con algún festi organizado por outras asociacións como a nosa, pero as cousas déronse así", explican desde a organización nas redes sociais, "miremos o positivo e enchamos Galiza de música este xullo".

O Armadiña Rock é un festival organizado por unha entidade sen ánimo de lucro, formada por persoas voluntarias, e con entrada libre para asistir a concertos dun cartel no que predominan as bandas locais. Esta proposta sempre provocou maiores dificultades na posta en marcha do evento pero como xa anunciaran en 2023 aos seus fans: "seguide confiando, porque volveremos".

Espérase que en próximas datas confirmen que artistas e grupos participarán neste retorno dun festival característico do verán en Poio.