A Ferrería acollerá o 17 de maio un espectáculo poético e musical para enxalzar a figura de Xela Arias

Pontevedra
12 de maio 2021

"X Xela" é o nome do evento no que se darán a coñecer os gañadores do certame de bandas convocado polo Concello de Pontevedra e que incluirá tamén un recital de poesía a cargo de cinco autoras da área de Pontevedra

A escritora Xela Arias Deputación de Pontevedra

"X Xela" é o nome do espectáculo co que o Concello de Pontevedra celebrará o Día dás Letras Galegas e que servirá para enxalzar a figura da poeta Xela Arias, á que se homenaxea este 17 de maio en toda Galicia. O evento ten como obxectivo non só poñer en valor as letras da poeta e dar a coñecer a súa figura, tamén servirá para exhibir o talento musical dos artistas pontevedreses.

A concellería de Normalización Lingüística, que encabeza o edil Alberto Oubiña, puxo en marcha un certame musical ao que se presentaron 15 bandas. "Estamos exultantes", recoñeceu o concelleiro. Non só pola elevada participación, tamén "pola implicación da mocidade, que amosa que hai interese pola lingua galega" e pola calidade dos traballos presentados.

Das 15 propostas, na que os estilos foron variados e incluían desde composicións de autor, pop, rock, folk, Ska ou electrónica, tres proxectos foron seleccionados para a final. As obras de Río Verdugo, Tibet 1990 e Nacho Moura serán interpretadas en directo o día 17 na Praza da Ferrería, escenario no que o xurado decidirá a clasificación final que outorgará premios de 1.000, 500 e 250 euros aos finalistas. 

A gala, que comezará ás 19 horas do día 17 e será presentada por Lupe Blanco e Alba María, incluirá recitais de poesía da obra de Xela a cargo de cinco autoras da área de Pontevedra, así como un repaso pola vida e obra da homenaxeada e a actuación das tres bandas finalistas.

O aforo estará controlado para velar polo cumprimento de todas as precaucións pola covid-19, pero desde o Concello confían en poder dar cabida a todas aquelas persoas que desexen asistir. Con todo, animan a reservar praza a través do correo da concellería de Normalización Lingüisitca ou mediante un formulario no portal de participación cidadá do Concello.