A Facultade de Comunicación estrea Aula de Cine que acollerá desde agora a Máster Class do Audiovisual Galego

Pontevedra
07 de febreiro 2024

A instalación dunha pantalla, un proxector e un equipo de son, sumados aos traballos de acondicionamento e iluminación realizados coa colaboración da Vicerreitoría do campus, permitiron á facultade converter a antiga aula 3 nun "espazo híbrido", como o define a decana, Emma Torres

Acto de inauguración da nova Aula de Cine da Facultade de Comunicación Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación estrea un Aula de Cine. Trátase dun novo espazo para a docencia de materias ligadas ao audiovisual, pero tamén para a proxección de múltiples contidos. 

A instalación dunha pantalla, un proxector e un equipo de son, sumados aos traballos de acondicionamento e iluminación realizados coa colaboración da Vicerreitoría do campus, permitiron á facultade converter a antiga aula 3 nun "espazo híbrido", como o define a decana, Emma Torres. 

Por unha banda, porque contribuirá á formación do alumnado "en materias que requiren da visualización de filmes cunhas condicións adecuadas", e por outra, porque se trata tamén dun espazo para a exhibición de múltiples producións audiovisuais, con capacidade para 116 persoas.

"Na facultade estase facendo moita produción audiovisual de gran calidade e consideramos que tanto para docencia como para exhibición necesitamos un espazo que reúna unhas condicións específicas", salientou Torres da iniciativa impulsada polo centro, que este mércores celebraba a súa inauguración. 

"Para a Universidade, todas as accións que poidan supor unha mellora na adquisición de competencias e no desenvolvemento do currículo do noso alumnado, son algo prioritario", engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, nun acto no que participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil, e Paulino Pérez, vicedecano e codirector da XIII Máster Class Audiovisual Galego (Augal), que desde esta xornada pasa a desenvolverse neste espazo.

NOVO ESCENARIO DE AUGAL

A Aula de Cine estreouse nesta xornada con Augal, un ciclo de proxeccións e coloquios con profesionais do audiovisual que a facultade promove co patrocinio da Agadic. A sesión desta xornada, centrada nas curtametraxes, contou coa participación de Nani Matos e Andrea Varela, director e produtora de' Antes de que se poña o sol' Fernando Tato, director de 'A entrevista' e o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz, coguionista de 'Amanece la noche más larga'. 

A décimo terceira edición de Augal continuará o 21 de febreiro, coa participación de Jaione Camborda, quen se alzaba hai uns meses coa Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián con 'O Corno'. Á semana seguinte, poderá verse 'Salta! , de Olga Ossorio, e o 6 de marzo Ghaleb Jaber Martínez falará da serie 'Motel Walkirias'. Finalmente, o 27 de marzo, clausurarase con 'Matria', unha longa do egresado da facultade Álvaro Gago, que suma 16 candidaturas aos Goya.