A Facultade de Belas Artes acolle a exposición 'O Abrigo', un proxecto coordinado polo colectivo Refugallo que consiste nunha serie de mostras colectivas de traballos do alumnado, articuladas arredor dun eixe temático ou disciplina. Neste espazo, poden contemplarse os traballos fotográficos de 17 estudantes.
A exposición permite observar, no espazo da antiga cafetería, tanto traballos de fotografía dixital como analóxica, intervencións sobre as imaxes a través do debuxo ou instalacións que teñen na fotografía o seu punto de partida.
Segundo Refugallo, esta mostra é o resultado dunha "convocatoria aberta", na que o único que se define é a temática, de tal xeito que reúne as obras de todo o estudantado que se presentou. De feito, trátase da mostra "na que tivemos a maior participación ata o momento".
Na exposición, que se pode visitar ata este venres, reúnense as creacións fotográficas de Mónica Lago, Arantza Portables, Santi Almeida, Míriam Núñez, Alba Pino, Mónica Lago, Héctor Pousa, Carlota Lois, Laura Trabazo, Ana de Juana, Nico Pi, Sara Ricoy, Taro, Candela Domínguez, Carla Vizcaya, Carmen Sanmartín e Cora Novoa.
De xeito paralelo, levarase a convocatoria doutra iniciativa que estará centrada no sketchbook, os cadernos de bocexos cos que traballan os artistas.
Consiste nunha exposición aberta na que o alumnado poderá intervir pegando nunha parte da parede bocexos, inspiracións e todo o que se lle ocorra. Está previsto que abra as súas portas o vindeiro martes 21 de marzo.