A exposición do 25 aniversario do “Proxecto Home” chega a Pontevedra

Pontevedra
17 de febreiro 2016

Desde o 8 de febreiro e ata o 6 de marzo a VII exposición de Arte e Solidariedade do "Proxecto Home" estará aberta ao público no Sexto edificio do Museo de Pontevedra  

Montaxe da mostra. Proxecto Home.

O xoves 18 de febreiro ás 20:00 horas será a inauguración da exposición de "Arte e solidariedade" do "Proxecto Home". Poderá visitarse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 6 de marzo e está organizada por "Proxecto Home" Galicia e comisariada en Pontevedra por Antón Sobral e Taller Aberto.

A mostra pretende, por unha banda, ensinar o respaldo que os artistas ofrecen aos proxectos que traballan para dar resposta a diversos problemas sociais como a drogodependencia, e doutra banda, recadar fondos que axuden a desenvolver o "Proxecto Home" Galicia.

Entre os artistas que mostran as súas obras atopamos a Amelia Palacios, Carmen Hermo, Detlef Kappeler, Fernando Lafuente, Francisco Leiro, Manolo Ruibal, Manuel Moldes, Miguel Pereira, Paula Cabaleiro, Pepe Cáccamo, entre outros.

Búscase potenciar a representatividade dos artistas nas diversas localidades onde a exposición estivo presente: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense e, agora, Pontevedra.

No ano 1990 en Santiago de Compostela iniciábase o "Proxecto Home Galicia", co fin de axudar á reinserción social de persoas tóxicodependientes. Despois de 25 anos esta organización está presente en todas e cada unha das provincias galegas, na Coruña e Pontevedra por partida dobre. Ese era o obxectivo principal, facilitar o acceso de rehabilitación a todo o que quixese servirse del.