A escola de artes e xogos de Migallas en Monte Porreiro inicia un novo curso

Pontevedra
19 de setembro 2023

Segundo explicou Carlos Yus, esta actividade baséase na necesidade de promover as relacións entre as nenas e nenos dunha maneira divertida, na creación dun espazo onde desenvolvan a súa expresión artística e no fomento do uso da lingua galega entre a infancia

Servando Rodríguez, Demetrio Gómez e Carlos Yus cun xogo tradicional PontevedraViva

A compañía pontevedresa Migallas Teatro abre de novo este mes de outubro a súa escola de artes e xogos en Monte Porreiro.

Segundo explicou Carlos Yus, membro de Migallas, esta actividade baséase na necesidade de promover as relacións entre as nenas e nenos dunha maneira divertida, na creación dun espazo onde desenvolvan a súa expresión artística e no fomento do uso da lingua galega entre a infancia.

Defenden que os xogos tradicionais son a ferramenta ideal para promover as relacións entre a infancia e ademais, forman parte da cultura galega, constrúen a identidade das persoas e transmítense de xeración en xeración.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e o presidente da Asociación de Veciños O Mirador, Servando Rodríguez, coincidiron en sinalar que o Centro Social de Monte Porreiro convértese, grazas a Migallas, nun espazo complementario á educación regrada que contribúe á formación artística dos nenos a través de múltiples técnicas de expresión plástica, da música e do xogo dramático.

Este proxecto, denominado "Xoga e crea con Migallas", está dirixido a nenos de 5 a 7 anos e terá lugar todos os martes lectivos de 18 ás 19.30 horas. Desde o próximo día 3 de outubro a marzo de 2024. O obradoiro ten un prezo de 50 euros que inclúe todo o  material incluído.

O prazo de inscrición abre este mércores 20 de setembro enviando un correo a migallas@migallas.gal ou de forma presencial no Centro Cultural de Monte Porreiro entre as 18 e as 20.00 horas.

ARTEXOGA

Nesta mesma rolda de prensa tamén se presentou a actividade ‘Artexoga’, unha serie de obradoiros infantís promovidos polo Concello de Pontevedra que se desenvolverá Migallas no Pazo da Cultura a partir do xaneiro do 2024.

Até tres obradoiros se sitúan dentro deste ciclo infantil. Cada obradoiro constará de 14 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre xaneiro e abril de 2024 a razón dunha sesión semanal.

Haberá dous tipos de obradoiros, o primeiro está pensado para crianzas de 8 a 11 anos e será realizado os luns de 18.00 a 19.30 horas. O segundo tipo é para crianzas de 5 a 7 anos e desenvolverase en dous grupos: os mércores de 17.30 a 19.00 horas e os xoves no mesmo horario. Terán un prezo de 50 euros, material incluído. A preinscrición realizarase durante o mes de novembro do 2023.

As prazas non se adxudicarán por orde de entrega da solicitude de preinscrición senón que, no caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, farase un sorteo público no que se escollerá ao chou unha letra. Esta será a letra do primeiro apelido a partir do que se elaborará a listaxe de participantes.