'A desCuberta dos libros', a proposta coa que a Deputación se suma ao Día do Libro

Pontevedra
21 de abril 2024

O vindeiro martes, 23 de abril, a Deputación organizará un contacontos para conmemorar o Día do Libro. Está previsto para as 11.00 horas no Pazo Provincial e será a actividade principal da programación deseñada para esta data, que tamén inclúe diferentes propostas dixitais

Repartición de mil libros do patrimonio bibliográfico da Deputación no Día do Libro Mónica Patxot | ARQUIVO

O vindeiro martes, 23 de abril, a Deputación de Pontevedra organizará un contacontos para conmemorar o Día do Libro. Está previsto para as 11.00 horas no Pazo Provincial e será a actividade principal da programación deseñada para esta data, que tamén inclúe diferentes propostas dixitais para os máis pequenos.

A programación organizouse baixo o lema 'A desCuberta dos libros' co obxectivo de conmemorar esta efeméride homenaxeando á infancia, aos primeiros lectores, aos primeiros libros que collemos e á sensación que se ten cando acontece a descuberta dos libros.

A programación destaca a importancia da ilustración nas edicións infantís, convertendo tamén o Día do Libro nunha homenaxe aos ilustradores e ás editoriais de referencia no libro infantil. 

Precisamente, o ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto serán os encargados de facer gozar os máis pequenos o martes 23 con 'Contos debuxados, debuxos contados', unha actividade que une contos e ilustracións para crear un espectáculo cheo de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada e moita diversión.

O presidente da Deputación, Luis López, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, participarán na actividade e convidan aos nenos a asistir co seu libro favorito para facer unha lectura conxunta.

A semana próxima habilitarase na páxina web da Deputación un espazo con libros infantís recomendados por editoriais galegas, para animar aos máis pequenos a descubrir novas lecturas, e a proposta 'Crea o teu primeiro libro', con dous pequelibros ilustrados para que os máis pequenos escriban o seu propio conto.

Poderán descargalo e pregalo á metade para darlle forma de libro e completar os espazos baleiros para crear a súa propia historia, e, se o desexan, compartilo despois a través de participa.cultura@depo.gal.