A Deputación leva a todas as comarcas un espectáculo sobre Florencio Delgado

Pontevedra
12 de maio 2022

Os departamentos de Lingua e Memoria programan 35 pases da actividade en toda a provincia, comezando este venres en Poio ás 17 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó

Cartel do Día das Letras Galegas na Deputación Deputación de Pontevedra

As actividades das Letras Galegas organizadas dende os servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra chegarán a todas as comarcas da provincia para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán grazas ás representacións do espectáculo 'De Valdeorras a México. Terra A Nosa', da man dos contacontos de 'Polo correo do vento'. 

Na área de Pontevedra as representacións realizaranse este venres 13 no concello de Poio, ás 17 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, o 24 ás 11 horas no CEIP de A Lama, o 25 de maio en Ponte Caldelas (19 horas na Casa da Cultura), o 26 en Cerdedo-Cotobade, e o 5 de xuño en Campo Lameiro, o 7 de xullo en Sanxenxo, o 19 de xullo en O Grove, e o 27 do mesmo mes en A Illa de Arousa, quedando por axendar data aínda en Meis e Ribadumia, o 1 de xullo en Cuntis, o 7 en Caldas, o 12 en Portas e o 21 en Moraña.

Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) co Día das Letras Galegas 2022. 

Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura do autor.

Ademais das obras sobre Florencio Delgado Gurriarán, a Deputación tamén achegará ás bibliotecas municipais e aos centros de ensino pequenas biografías destinadas á cativada. Para o alumnado de Primaria o servizo Editorial da Deputación editou a peza 'Levar paisaxes nos ollos' e para a xente moza editou unha banda deseñada coordinada por Kiko da Silva, con guión de Fernando Llor e ilustracións do alumnado de 'O Garaxe Hermético'. Cadansúa das publicacións tivo unha tiraxe de 1.000 exemplares.

 

Arquivado en