A Deputación de Pontevedra presenta os programas culturais "Tras as ameas" e "Bailando a Terra"

Pontevedra
28 de xuño 2022

A Deputación de Pontevedra presentou este martes dúas iniciativas para encher de cultura o verán    

Rolda de prensa de Carmela Silva Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra presentou este martes dúas iniciativas para encher de cultura o verán. A primeira denomínase "Tras as ameas" e é un ciclo que convida a vivir experiencias entre muros de historia. Concretamente nos castelos de Soutomaior e Sobroso onde prepararon para o público moitas sorpresas cheas de maxia, música, danza, circo, teatro, contacontos e talleres artísticos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou en rolda de prensa esta nova aposta pola activación dos espazos de Soutomaior e Sobroso cunha ampla e diversa oferta de "actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos".

Este 2022 celébrase a terceira edición deste programa cheo de imaxinación que comeza o xoves 30 de xuño con Faia Díaz & Benxa Otero (Dúo de voz + oboe), ás 22 horas no Castelo de Sobroso. A seguinte actuación será o 7 de xullo co grupo Migallas que representará o contacontos musical "Elas pintan moito", ás 19 horas no Castelo de Soutomaior.

Ao longo do verán actuarán nestes históricos castelos: Mamá Cabra e Bellónmaceiras; Pedras de Cartón: o Mago Noel; María Domínguez, Laura Iturralde e Amare Pérez; Barafunda Animación; Canta contos. Sons da batea; Circo Chosco; Pablísimo; Culturactiva; a Compañía Vaia e talleres con Alexandra R. Rey e con María Gar.

BAILANDO A TERRA

Nesta mesma comparecencia Carmela Silva tamén presentou "Bailando a Terra", un programa de danza en espazos naturais de Caldas de Reis, Forcarei, A Illa de Arousa, Poio e Tui, aproveitando o paso dos roteiros xacobeos a Santiago de Compostela, en "unha simbiose coa natureza para sentirnos en contacto co territorio".

En colaboración con compañías profesionais de diferentes disciplinas, así como coas escolas de danza da provincia, a Deputación de Pontevedra presenta este ciclo que empezará o 8 de xullo en Caldas de Reis coa compañía "Trébede" que actuará ás 20:30 horas na Carballeira. 

O 5 de agosto actuará no edificio de usos náuticos da Illa de Arousa a compañía "Nova Galega de Danza", ás 21 horas. O 6 de agosto en Poio, ás 20.30 horas, no xardín da capela da Virxe da Renda actuará "Galicia en Danza" (Escola de Danza de Baiona).

O 13 de agosto, na Carballeira de Soutelo en Forcarei actuará ás 20.30 horas "Máisquedanza", a Escola de Danza de Lalín e o 23 de setembro, ás 20 horas, remata este ciclo no paseo fluvial de Tui con "Unidance", a Escola de Danza de Vigo.