A danza, protagonista no mes de abril coa chegada do ciclo Danza Pontevedra

Pontevedra
24 de marzo 2023

O ciclo Danza Pontevedra estrearase na Boa Vila do 12 ao 16 de abril con diversos espectáculos e talleres que pretenden achegar este movemento á cidadanía

Carme Fouces e Fran Sieiro na presentación de Danza Pontevedra Mónica Patxot

O ciclo Danza Pontevedra estrearase na Boa Vila do 12 ao 16 de abril con diversos espectáculos e obradoiros que pretenden achegar este movemento á cidadanía. O Pazo da Cultura, xunto ao Teatro Principal, son os lugares escollidos para a realización de todas as actividades.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou este venres a programación do ciclo xunto ao bailarín Fran Sieira, que participará en Danza Pontevedra co seu espectáculo DeMente. Estas xornadas teñen como obxectivo cativar ao público con coreografías innovadoras, á vez que explora diversos movementos baixo o marco da danza contemporánea, segundo explica Fouces.

A programación arrincará o mércores 12 de abril ás 10:00 horas no Pazo da Cultura cun taller de soma, impartido por Javier Martín e destinado especialmente ao alumnado de Belas Artes. Ás 19:30 haberá unha "conferencia oximórica" a cargo tamén de Javier Martín, aberta para todo o público, na que falará sobre a súa experiencia ao rededor da danza.

O xoves 13 ás 20:30 horas haberá un evento de figuras do limiar no Principal, e o venres 14 será el visionado de Cuando le permito al cuerpo aquello que digo, de Alejandra Balboa.

As xornadas continuan o sábado 15 ás 18:30 horas cunha palestra no Teatro chamadaIdadismo e cuestións xeneracionais sobre a danza contemporánea, seguida por Acciones sencillas, de Jesús Rubio, ás 20:30 horas no Pazo.

O "prato forte", tal e como afirmaba a concelleira, será o domingo 16, último día día de Danza Pontevedra, co espectáculo DeMente, de Fran Sieira. Este show é un espectáculo  "pro saude mental", segundo explicaba Sieira, que afirma que "pretende dar visibilidade á parte máis marxinal da saúde pública, a saúde mental".

O elenco conta con sete bailaríns e pretende ser un reflexo da tradición e o folclore galego, sempre seguindo unha liña vangardista e contemporánea. O equipo artístico está formado por Fidel Vázquez, encargado da iluminación, Carlos Alonso na escenografía e vestiario, o músico Cristian Silva e a directora de arte Carla Diego.

DeMente conta cun gran éxito, tanto en Galicia como no resto de España, con recoñecementos como a selección en Camino Escena Norte, ou a oportunidade de estar entre os seleccionados para representar a Galicia no Festival de Teatro de Manizales en Colombia

Para finalizar a súa intervención, Fran Sieira quixo reivindicar a importancia da saúde mental, tema principal da súa obra, afirmando que "unha persoa que padeza un trastorno de saúde mental ten dereito a ter unha vida", e relacionándoo coa súa disciplina apuntou que "a danza libera os corpos do trauma".

As entradas para o ciclo pódense adquirir a través de dous bonos, un cun prezo de 15 euros (máis gastos de xestión) para o acceso a todos os espectáculos, e outro para cada un por separado cun prezo de 8 euros