Culturgal apostará pola danza como unha das súas grandes bazas para a súa edición de 2022. Será cun espectáculo dobre que pon ao límite a linguaxe corporal e que o público poderá ver no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra o venres 25 de novembro.
A partir das nove da noite, Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século XXI, porá en escena Credo, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano.
O corpo de danza, constituido por seis bailaríns -Ines Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez-, desenvolve un traballo físico de alta intensidade que indaga nos límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado.
O cruce de camiños é o escenario simbólico que representa a toma de decisións do ser humano no seu avance permanente cara ó descoñecido.
A música orixinal, a cargo de Sergio Moure e a voz de Alba Moura, recollerá, a través dunha formulación sinfónica, os sons dunha Galicia intemporal.
Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presentará no Culturgal A raíz de, un proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022 no que traballa desde a música, a palabra e danza tradicional galega para construir un eu contemporáneo.
As entradas xa están á venda en cultur.gal a un prezo de 8 euros, que inclúe, ademais, a visita ao recinto feiral.