A curtametraxe 'Il compleanno di Enrico' consegue o primeiro premio do FICBUEU

Bueu
15 de setembro 2024

O filme estoniano 'Saab' obtén o Segundo Premio e 'Aunque es de noche', do realizador madrileño Guillermo García López, leva o galardón a mellor cinta española

Premio do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) FICBUEU

A 17 edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), xa ten gañadores.

O xurado do certame elixiu á curtametraxe 'Il compleanno di Enrico', unha coporducción de Alemaña, Francia e Italia dirixida por Franceso Sossai, como gañadora do primeiro premio da Sección Oficial, de entre os 29 traballos de 18 países presentados a concurso.

Segundo a súa resolución, a curta gañadora foi distinguida pola súa capacidade de ver a través dos ollos do seu protagonista e porque "o director márcanos habilmente a lectura entre liñas, como cando eramos nenos e deixábannos encher os ocos a nós mesmos, á vez que xoga axilmente coas esperanzas".

A película estoniana 'Saab', dirixida por Liisbeth Kala, mereceu o segundo premio.

Ademais Aunque es de noche', do realizador madrileño Guillermo García López, levou o galardón á mellor cinta española, mentres que 'Habitar', da realizadora marinense Anxos Fazáns, conseguiu o premio á mellor curtametraxe galega.

O premio do público recaeu pola súa banda na curtametraxe británica 'If you are happy', de Phoebe Arnstein.

Por último Manuel Pena e María Ruiz, directores do FICBUEU xunto a Nerea Lores, anunciaron as curtas premiadas nas categorías GZ_00 (premio para 'Pechar caixas, abrir caixas', de Hugo Amoedo), Descubertas ('Intelligence', dos franceses Cosme Castro e Jeanne Frenkel), Escolas de Cinema Internacionais ('A voix deas autres', de Fatima Kaci) e Escolas de Cinema Galegas ('Xogo de nenos', de Miguel R. Berride).