A cultura, 'desenchufada' por precaución ante o avance do coronavirus

Pontevedra
13 de marzo 2020

A prevención ante a expansión do coronavirus chegou tamén aos eventos culturais. Seguindo as recomendacións das autoridades, a Sala Karma, o Cineclube Pontevedra, o Ateneo de Pontevedra, Afundación ou a Libraría Paz cancelaron as súas respectivas programacións

Actuación na Sala Karma Diego Torrado

A prevención ante a expansión do coronavirus chegou tamén aos eventos culturais. Seguindo as recomendacións das autoridades, promotores, salas de concertos, asociacións e colectivos están a confirmar a cancelación das súas respectivas programacións.

Así, nas últimas horas, a Sala Karma -que se atopaba inmersa na celebración do seu décimo cuarto aniversario- anunciou que todos os concertos que tiña previsto acoller ata o próximo 28 de marzo quedan aprazados.

A devolución do importe das entradas, segundo os responsables da sala, farase pola mesma vía pola que se adquiriron no seu momento.

Na mesma liña, Bazaar Pub Music Room anuncia nas súas redes sociais que apraza o concerto deste venres 13 e "cesa a actividade ata novo aviso, para contribuír ao control e a non propagación do Covid-19".

Pola súa banda, o Cineclube Pontevedra tamén tivo que interromper a súa programación do mes de marzo e, ata novo aviso, quedan suspendidas as proxeccións no Teatro Principal.

Aseguran que tentarán recolocar as películas que quedaron sen proxectar en canto poidan recuperar a normalidade que esperan que sexa canto antes.

Ao peche anticipado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil ou o cesamento de actividade temporal do Museo de Pontevedra, súmase tamén o parón que fará o Ateneo de Pontevedra nas súas actividades ata que estas medidas excepcionais poidan ser revogadas.

As actividades da Libraría Paz, fundamentalmente recitais e presentacións de libros, quedan igualmente canceladas por prudencia para restrinxir ao máximo as actividades públicas no seu establecemento, segundo informaron os seus propietarios.

Xunto con estas suspensións, Afundación anunciou que toda a súa actividade cultural queda aprazada. As salas de exposicións tamén permanecerán pechadas ao público e cancélanse as actividades de envellecemento activo, as actividades de voluntariado e a participación en eventos e accións promovidas por terceiros.

Así mesmo, as Xuntas Directivas da Sociedade Filarmónica de Pontevedra e da Orquestra Filharmónica  Cidade de Pontevedra tomaron o acordo de suspender o concerto que se ía a celebrar o próximo día 3 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. A previsión é poder celebralo nos próximos meses ou, de ser necesario, atrasalo ata o mes de outubro, co inicio da tempada.