A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra ofrecerá este xoves 30 de xuño, a partir das oito e media da tarde, un concerto de homenaxe a Castelao, un persoeiro que foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente desta agrupación musical.
Trátase dunha actividade complementaria á exposición que se inaugura este martes no Sexto Edificio do Museo, Meu Pontevedra, que analiza a pegada de Castelao en Pontevedra.
O programa estará composto por madrigais e música relixiosa, na súa primeira parte e por música tradicional galega harmonizada na segunda parte do concerto.
Ademais, no concerto será exposto o telón co emblema da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, deseñado e pintado polo propio Castelao para esta coral.
O concerto terá lugar no auditorio de Afundación.