A Casa das Campás centra os actos da Universidade de Vigo polas Letras Galegas

Pontevedra
10 de maio 2022

A Universidade de Vigo celebraba este martes en Pontevedra o seu acto conmemorativo do Día das Letras Galegas na sede da Vicerreitoría do campus pontevedrés, durante o que se fixo entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución, así como do galardón A lingua galega en 2050

Conmemoración por parte da Universidade de Vigo do Día das Letras Galegas 2022 Diana Eiras

A Universidade de Vigo celebraba este martes en Pontevedra o seu acto conmemorativo do Día das Letras Galegas.

Na Casa das Campás, a sede da Vicerreitoría do campus pontevedrés, acudían Manuel Reigosa, o recentemente reelixido reitor da Universidade de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade.

No transcurso da sesión, fíxose entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución 2022, e o galardón A lingua galega en 2050.

O acto completouse coa conferencia Florencio Delgado Gurriarán: o soño e a súa testemuña, a cargo de Anxo Angueira, e coa actuación do artista Marcos Escudero e o músico Tino Baz.

DELGADO GURRIARÁN E PONTEVEDRA

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, destacaba no seu relatorio sobre Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Concello de Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, California, 1987) os paralelismos entre a xeración na que se desenvolveu o autor homenaxeado este 2022 no Día das Letras Galegas e os poetas do Rexurdimento.

Deste xeito, expoñía que o renacemento da literatura galega despois dos séculos escuros liderado por Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez a finais do século XIX tivo a súa continuación no século XX. En concreto, entre os anos 1916 e 1936, a partir da formación das Irmandades da Fala, deuse un salto da teoría á práctica de Galicia como nación, cunha confianza nas propias forzas e co recoñecemento do idioma galego como en tempos do Rexurdimento.

Nestes anos, Florencio Delgado Gurriarán viviu o proxecto cultural da República e publicou as súas primeiras obras ao tempo que se vinculaba politicamente con figuras como Castelao ou Alexandre Bóveda. Ao político asasinado na Caeira, o propio Delgado Gurriarán adicaralle un poema en 1943, publicado no Cancioneiro da loita galega baixo o pseudónimo de Nadel, que o profesor Anxo Angueira leu durante a súa disertación e que marcaba un elo do poeta valedeorrés con Pontevedra a través do seu admirado Alexandre Bóveda.

PREMIOS DE LINGUA GALEGA  

Tras a conferencia, procedeuse á entrega dos premios nos diferentes concursos literarios promovidos pola Universidade para conmemorar o Día das Letras Galegas, dotados no seu conxunto con 3600 euros, así como a publicación dos textos seleccionados nun monográfico.

Na categoría de poesía, o xurado outorgou o primeiro premio á estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución Adriana Rivas por Bosques. Tamén na modalidade de poesía, o xurado distinguiu con dous accésits os poemarios Un medo violento e o amor, de Remedios Fernández, e Paseantes, de Rebeca López Villar, e recomendou a publicación de Balbino, de Diego Bará.

O premio de relato curto recaeu no alumno de Filoloxía e Tradución, Fabio Rivas, por O cruceiro e as anguías. Nesta modalidade outorgouse un accésit a Onde mataron os homes, de Carlos Manuel Estévez.

Na categoría de tradución o premio foi para Diego García Laranxeiro pola súa adaptación ao galego dun texto científico escrito en alemán por Christina Beck. O xurado decidiu tamén outorgar un accésit a Isaac Garrido pola tradución do inglés dun texto do poeta vietnamita Ocean Vuong.

A estes galardóns sumouse un novo premio dirixido a promover unha reflexión sobre a situación social da lingua por parte do alumnado, que debía dar resposta as preguntas de en que situación cren que se atopará o idioma en 2050 e como lles gustaría que chegase a esa data. Carla Míguez, por A lingua de todes, e Julieta Insagaray, con Nós, os fillos e as fillas da diglosia,  ambas alumnas de Filoloxía e Tradución, foron as primeiras gañadoras dun certame dotado cun premio de 200 euros e a publicación dos seus textos nun novo volume do libro A lingua galega en 2050, que coordina Fernando Ramallo, o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Arquivado en