A boa acollida de Ponteatro esgota os abonos en catro días e leva a poñer á venda 30 máis

Pontevedra
22 de xaneiro 2024

O Concello decidiu poñer á venda 30 novos abonos para acudir a todas as funcións do ciclo despois da "boa acollida" da primeira quenda de entradas á venda. Entre o venres 19 e este luns 22 de xaneiro, esgotáronse os 60 abonos lanzados inicialmente  

Programación de Ponteatro 2024 Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra decidiu poñer á venda 30 novos abonos para acudir a todas as funcións do ciclo Ponteatro despois da "boa acollida" da primeira quenda de entradas á venda. 

Segundo a información oficial facilitada, en catro días, entre o venres 19 e este luns 22 de xaneiro, esgotáronse os 60 abonos lanzados inicialmente a un prezo de 30 euros para as 6 funcións. Agora, activaron 30 novos, que poden adquirirse nesta ligazón.

O xoves 8 febreiro, ás 20.00 horas, abrirase o ciclo no Pazo da Cultura. Representarase 'Iribarne'. Butaca Cero fai unha investigación escénica sobre Manuel Fraga, unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. 

Para o xoves 22 febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal está programada a obra: 'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro. A compañía porá en escea a historia de Helena, unha prestixiosa doutora que regresa á vila natal para comezar de novo. Embarazada de sete meses, afronta o seu estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade. 

O martes 27 de febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal poderase ver 'As Alumnas' de Culturactiva. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas -especialmente das mulleres- centra esta obra. As dúas personaxes representan casos concretos de mulleres na época anterior e posterior á Guerra Civil, así como as transformacións sociais do momento. A peza achégase á figura da pedagoga galega María Barbeito, e visibiliza como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado. 

Xa o xoves 21 de marzo, ás 21.00 horas, no Teatro Principal chega 'O auto de Castromil' de  Producións Teatrais Excéntricas. Trátase dunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o conductor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, na que aparece un pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebélase de novo. O auto de Castromil é unha viaxe chea de humor e espíritu antroidesco en transporte público pola Galiza inconsciente. 

O xoves 11 de abril, ás 21.00 horas, no Teatro Principal está anunciada a representación de  'Helen keller, a muller marabilla?', do Grupo Chévere. A sinopse da obra conta unha historia que comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller, que se convirte nunha celebridade ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario (1904). Pero ao investigar vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa figura que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición para eliminala da historia... 

Por último, o xoves 18 de abril, ás 21.00 horas, no Teatro Principal pecha o ciclo de Ponteatro a obra 'Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)' de Sal do Teatro. Trátase dun canto á diversidade, unha homenaxe a tradición galega e unha crítica á enerxía eólica.