A Biblioteca desenvolverá durante os dous vindeiros meses obradoiros de ilustración e creación literaria

Pontevedra
02 de febreiro 2021

A biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola levará a cabo dous obradoiros virtuais de ilustración e creación literaria desde o 8 de febreiro ata o 1 de marzo. Os obradoiros contan con dez prazas cada un, e será precisa unha inscrición previa. 

Imaxe do curso de Ilustración Biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola

A biblioteca Antonio Odriozola abre dous formularios de inscrición para obradoiros en liña. Un deles, de creación literaria, está dirixido a persoas que queiran proverse de ferramentas de cara a aprender sobre as escrituras contemporáneas.

Estará coordinado por Tamara Andrés, escritora, tradutora e investigadora galega. Baseándose en pequenos textos de autoras tanto da literatura galega como española, desenvolverase un espazo reflexivo que proporá exercicios de escritura creativa.

As prazas deste obradoiro xa están esgotadas, porén, aínda quedan prazas para o obradoiro virtual de ilustración: experimentación e busca do estilo persoal.

Este obradoiro é impartido por Alba Blanco Boga, artista plástica licenciada en Belas Artes e cun máster en libro ilustrado e animación audiovisual. Tamén neste caso será online, e estará dirixido a todas aquelas persoas na procura de novas formas de expresión técnicas e de ferramentas manuais para crear ilustracións. Apoiándose no xogo e o azar como ferramentas creativas, o principal obxetivo será o de explorar distintos xeitos de afrontar o debuxo, tratando de achegar á xente ás suas propias formas de representar a realidade.

A actividade conta cunha capacidade de dez prazas e unha duración de 6 horas distribuídas en 4 sesións de hora e media cada unha, todos os luns de 17:30 a 19:00 dende o 8 de febreiro ata o 1 de marzo. 

Requerirase a todos os integrantes que dispoñan de certos materiais e requisitos técnicos, como un dispositivo dixital con cámara e conexión a internet para facer as videoconferencias (a través de Google Meet); así como as ferramentas propias para levar a cabo os traballos de debuxo (papeis, pinturas, etc). 

Na seguinte ligazón especificanse todos os requisitos, así como o acceso ao formulario de inscrición.

https://bibliotecas.xunta.gal/pontevedra/gl/actualidade/axenda/obradoiro-virtual-de-ilustracion-experimentacion-e-busca-do-estilo-persoal