A baixista Ida Nielsen fai vibrar a praza da Ferrería

Pontevedra
24 de xullo 2022

Nielsen namorou aos pontevedreses co seu rhythm and blues moderno, o neosoul, o funk, o hip hop e o slap, moi presentes nas súas cancións  

Concerto de Ida Nielsen no Festival de Jazz Cristina Saiz

Éxito de asistencia o vivido este sábado na praza da Ferrería de Pontevedra coa actuación da danesa Ida Nielsen, concerto enmarcado no Festival Internacional de Jazz de Pontevedra.

Nielsen namorou aos pontevedreses co seu rhythm and blues moderno, o neosoul, o funk, o hip hop e o slap, moi presentes nas súas cancións.

A acompañaron no escenario Kuku Agami (voz de rap), Oliver Engqvist (voz e guitarra), Jacob Elvstrøm (saxofón e voz), e Patrick Dorcean (batería e electrónica).

Ida comezou a tocar o baixo aos dezaseis anos e entre 1993 e 1998 estudou na prestixiosa Royal Danish Academy of Music, especializándose en baixo eléctrico, pero formándose para chegar a converterse nunha futura multiinstrumentista.

Durante a súa carreira colaborou con bandas como os belgas Zap Mama, os daneses Michael Learns to Rock, e Prince, quen a recrutou en 2010 para formar parte de The New Power Generation, a banda que o acompañaba sempre nos seus concertos e gravacións.

En solitario lanzou varios singles e catro álbums editados ata a data: Marmelade (2007), no que aparecía co nome artístico de Bassída (tamén foi coñecida como Bass Ida ou Ida Funkhouser); Sometimes a girl needs some sugar too (2011), Turnitup (2016), que dedicou á memoria do seu descubridor ante o gran público, Prince, tristemente falecido ese mesmo ano, e Time 2 stop worrying (bout the weird stuff) (2019).

O broche de ouro ao Festival Internacional de Jazz e Blues de Ponteverdra o porá a estadounidense Samantha Fish, gañadora do premio artista revelación dos Blues Music Awards.